Veciños de Fontesanta logran que Adif limpe a súa parcela pero non poden evitar as verteduras incontroladas

Pontevedra
04 de setembro 2024

Os veciños da Urbanización Fontesanta conseguen que, tras 5 anos de reclamacións, Adif roce a parcela que discorre pola rúa escultor Acuña

Verteduras incontroladas nos contedores da rúa escultor Acuña, na Urbanización de Fontesanta
Verteduras incontroladas nos contedores da rúa escultor Acuña, na Urbanización de Fontesanta / PontevedraViva

Os veciños da pontevedresa Urbanización Fontesanta conseguen que, cinco anos despois das súas primeiras reclamacións ante Adif, a entidade pública roce a parcela que discorre entre a rúa escultor Acuña e as vías do ferrocarril.

Tal e como denunciaban en PontevedraViva en 2021 e, máis recentemente, o pasado mes de xuño, entre a maleza deste terreo pululaban todo tipo de bechos, réptiles e roedores, cos riscos para a saúde que isto conleva.

O último escrito remitido ante o organismo adscrito ao Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible é do pasado 30 de xullo, indica Javier Ramos, membro da directiva da asociación de veciños. Neste documento pedíaselle, unha vez máis, que limpase o terreo.

"Non sei se casualmente tocáballes limpeza ou fixeron caso á carta que lle remitimos os veciños", matiza Ramos, quen manifesta a súa satisfacción porque, a pesar de que o enreixado lindeiro coa parcela non se repuxo e o terreo non se despexou de malas herbas totalmente, "polo menos non ten as matogueiras de metro e medio que tiña".

Con todo, a limpeza desta parcela puxo de manifesto un problema que os residentes na Urbanización Fontesanta levan anos arrastrando: as verteduras incontroladas de entullos, restos de obra e podas, mobles, colchóns e pequenos electrodomésticos, entre outros. Este punto negro localízase xunto dos contedores da rúa escultor Acuña, no tramo máis próximo á transversal Eduardo Blanco Amor, na que se atopaban instalados antes da pandemia.

Estes contedores atópanse situados no acceso directo desde esta vía, nunha zona con escasa iluminación e apartada, lonxe da entrada aos chalés que conforman a urbanización. Os propietarios pediron en reiteradas ocasións ao Concello de Pontevedra que cambie o emprazamento destes receptáculos.

Hai apenas un mes, tras presentar a asociación de veciños por Rexistro o pasado 17 de xullo un escrito coas súas demandas, operarios municipais instalaron un vistoso cartel no que se indica que está prohibido depositar lixo fóra dos contedores, con multas que poden chegar aos 100.000 euros, e advertindo que a zona está a ser vixiada pola Policía Local.

A pesar da claridade desta advertencia, as fotografias que ilustran esta noticia, tomadas o xoves 29 de agosto, poñen de manifesto que os infractores seguen campando a pracer nesta contorna.

REUNIÓN CO EDIL DE PARQUES E XARDÍNS

Estas últimas verteduras incontroladas xa foron postas en coñecemento do Concello, durante a visita que o concelleiro Xaquín Moreda, como responsable da área de Parques e Xardíns, realizaba á Urbanización este luns 2 de setembro, en compañía de varios membros da asociación de veciños.

Como resposta ao escrito que estes representantes veciñais presentaron no mes de xullo solicitando unha reunión, era o propio Moreda o que lles propoñía que este encontro se realizase in situ, para coñecer de primeira man as carencias que presenta esta zona.

"Foi unha reunión cordial", apunta Javier Ramos, quen destaca a boa disposición do edil e o tempo e interese que destinou a estes residentes.

Xaquín Moreda tomou boa nota das demandas veciñais e indicoulles que varias delas precisaban de tempo para resolvelas. De inicio, xa se comprometeu a ofrecer unha solución aos problemas máis urxentes. O primeiro, será avisar os servizos municipais para que, no menor prazo posible, poden unha árbore de gran porte á que recentemente se lle rachou unha pónla. As seguintes medidas serán a organización dun zafarrancho de limpeza da contorna e estudar un reforzo da vixilancia para evitar as verteduras incontroladas e poder identificar os infractores.