A veciñanza de Valiñas, en Barro, alerta de que nos próximos días quedará sen conexión a Internet e liña telefónica como resultado do Plan de Banda Ancha 2020, que implica o peche da central que posúe Telefónica no lugar de San Antoniño.
Segundo explica en nome dos seus veciños Raúl Vilas Piñeiro, todo comezou hai uns meses, cando lles empezaron a facer chamadas da empresa Telefónica de España S.A. comunicándolles que o internet por cable e a liña de teléfono que tiñan ata ese momento ía cortar o seu servizo polo peche da central.
Nun primeiro momento, dicíanlles que ían ter que cambiar o servizo a radio ou a fibra óptica, pero en ningún momento lles dixeron a opción de cambiar a satélite. A opción da fibra óptica é imposible porque nesta zona non teñen instalación deste servizo, de maneira que a única opción posible era dar este servizo por radio, pero tamén se demostrou que era inviable despois de que varios técnicos acudiran a facer a instalación e comprobaran que a cobertura era insuficiente.
Segundo indican, chamaron á empresa para pedir explicacións de como ían solucionar este problema, e nunca obtiveron unha resposta, ata que recentemente a empresa volveu poñerse en contacto cos veciños para, segundo as súas palabras, ,"ameazalos conforme se non se cambiaba o tipo de servizo íamos quedar sen acceso a internet e teléfono".
Raúl Vilas indica que "intentóuselle explicar de novo a situación", pero "foi ignorada completamente por parte da empresa" e acaban de recibir un burofax indicando que o 1 de abril se procedería ao peche do servizo.
A súa queixa é que van quedar sen servizo e tamén o momento, pois aseguran que se tomou a decisión "sen importar en ningún momento a situación actual pola que pasa o país (estado de alarma decretado polo goberno español con motivo do virus COVID-19)", pois moitos veciños están realizando teletraballo no seu domicilio e outros moitos acceden a plataformas online para recibir clases ou están na universidade ou en cursos.
Así, cuestionan que este corte supoñerá "un problema moi grande" para as familias da zona e tamén para empresas locais ás que o peche deste servizo imposibilitará o seu funcionamento.
Nas últimas semanas, o alcalde de Barro, Xosé Manuel Abraldes, dirixiuse á Dirección Xeral de Telefónica en Galicia para transmitirlle a súa queixa polo seu proceder e agora os veciños queren que as súas demandas cheguen aos departamentos da Xunta de Galicia que son responsables do Plan de Banda Ancha 2020, que ten un investimento público de 14,2 millóns de euros, cofinanciados nun 75 % polo "Fondo Europeo Agrícola de Desarrollo Rural" (FEADER).