Veciños de Amil, Xeve e Campo Lameiro solicitan a paralización das obras do parque eólico do Acibal

Umia
17 de marzo 2023

Asociacións como a plataforma Amil Sen Eólicos, Ecoloxistas en Acción de Galicia e Petón do Lobo tamén solicitan a paralización inmediata das obras do parque eólico de Moraña que, segundo afirman, provocarán unha grave alteración da zona húmida e dos mananciais de auga potable  

Imaxe das obras do parque eólico
Imaxe das obras do parque eólico /

Asociacións como a plataforma Amil Sen Eólicos, Ecoloxistas en Acción de Galicia e Petón do Lobo, e veciños de Xeve, Amil e Campo Lameiro solicitan a paralización inmediata das obras do parque eólico Acibal de Moraña.

Segundo apuntan, existen informes técnicos que prevén unha grave alteración hidrolóxica da zona húmida e dos mananciais de auga potable a consecuencia das obras de cimentación para instalar os aeroxeneradores do proxecto industrial eólico que impulsa Norvento, S.L.

As tres asociación solicitan á Xunta de Galicia que, debido aos posibles efectos negativos sobre o humedal de Brañas do Amil, no monte Acibal, e a masa protexida de auga soterrada, se proceda á delimitación do humedal seguindo criterios hidrolóxicos, edáficos, paleoecolóxicos, sedimentolóxicos e botánicos, baseándose na identificación de hábitats característicos das zonas húmidas de Galicia. 

Aseguran que de non facelo e proceder a dar comezo ás obras, vaise producir unha alteración importante da capa freática coa conseguinte alteración do ecosistema. Unha circunstancia que califican de inadmisible, e máis cando isto vai supoñer tamén unha modificación da conectividade dos cursos de auga subterráneos e superficiais

Segundo indican as asociacións, entre as especies en perigo de extinción está a Macromia splendens, unha libélula protexida pola directiva europea de hábitats.

Conclúen, en consecuencia, coa necesidade de requerir á Dirección Xeral de Planificación enerxética e recursos naturais da Xunta de Galicia, a Augas de Galicia, á Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Xunta e ao Concello de Moraña sobre a paralización cautelar indicada en base ao principio de precaución en materia ambiental.

Arquivado en