O movemento veciñal 'Amil sen eólicos' continúa denunciando o impacto da construción do polígono eólico Acibal en Moraña no seu patrimonio e durante esta Semana Santa reportaron oito novos casos de patrimonio en perigo polas obras.
Durante a Semana Santa, os veciños de Amil realizaron camiñadas polo Acibal e atoparon estes elementos, varios deles no medio dos movementos de terras xa realizados.
"Seguen enteiros só de casualidade", explica Lucas Andión, portavoz deste movemento veciñal. Algúns dos elementos mesmo están desprazados ao lado do camiño, ou con marcas de escavadoras.
Entre os achados dos veciños atópanse tres 'tetrasqueis' máis do inicialmente atopado o 19 de marzo, co cal serían 4 os 'tetrasqueis' confirmados nesta zona no Acibal.
Con estes achados xa son 24 os posibles elementos patrimoniais que os veciños atoparon nas súas andainas, co que entenden que "é máis que evidente que a prospección da zona foi insuficiente, e está máis que demostrado que non se está a cumprir co permiso de obra do polígono en materia de patrimonio".
Os veciños esixen ao Concello, ao departamento de Patrimonio da Xunta de Galicia e ás autoridades pertinentes que paralicen as obras ata que se realice unha prospección en condicións da zona.
Advirten que, "de seguir, non quedará patrimonio algún que salvar ao longo das próximas semanas".
Os veciños manteñen un mapa actualizado dos elementos patrimoniais reportados por eles nesta ligazón.