Vecinos e comerciantes da Parda trasladan ao PP os problemas do barrio

Pontevedra
31 de outubro 2024
Actualizado: 17:09

O PP comprométese a levar a comisión as necesidades básicas dos residentes como son a iluminación das rúas, recollida de lixo, prazas de aparcadoiro ou o mantemento dos parques

Reunión del PP con los vecinos de A Parda
Reunión del PP con los vecinos de A Parda / PP de Pontevedra

O portavoz municipal do Partido Popular de Pontevedra, Rafa Domínguez reuniuse cos veciños e comerciantes da Parda para escoitar as súas queixas e propostas para mellorar o barrio.

O PP valorou este encontro como "un éxito de participación cidadá" e aseguraron tomar nota de todas as súas peticións para defender os seus intereses na corporación municipal.

Domínguez destacou este encontro veciñal como unha das visitas "máis gratificantes pola cantidade de xente que asistiu, implicándose na revitalización do barrio e que escoitou o noso punto de vista sobre os proxectos que temos para mellorar A Parda nun futuro próximo".

Moitos dos temas tratados están na axenda do PP para levar ás próximas comisións informativas do Concello de Pontevedra e son de "fácil cumprimento" porque "responden as necesidades básicas duns veciños que pagan impostos municipais" como supón contar cunha iluminación "óptima" das rúas, un servizo de limpeza e recollida do lixo "en condicións"-

Ademais os residentes na Parda reclaman a roza e poda de árbores nas zonas axardinadas, mantemento dos parques infantís, alternativas de aparcadoiro nas proximidades do centro de saúde e noutros puntos estratéxicos como os xulgados ou o conservatorio, continuidade das beirarrúas da rúa Pedra do Lagarto para mellorar a seguridade dos peóns, un espazo emprendedor para o tecido empresarial, usos múltiples do Centro Leste ou un reforzo das luces de Nadal.

O Partido Popular comprometeuse a facer súas estas reivindicacións ao entender que son os veciños quen mellor coñecen o seu barrio e "porque non están a pedir investimentos imposibles".

Os populares lembran que o pasado mes de marzo aprobouse por unanimidade, unha moción defendida pola concelleira popular Bea Rey para humanizar A Parda.