O barrio de Campolongo, que comezou a súa urbanización a finais dos anos sesenta do século XX na zona sur de Pontevedra, é na actualidade un dos principais núcleos residenciais a un paso do centro da cidade.
Dende hai anos, os residentes, agrupados na asociación de veciños San Xosé de Campolongo, reclaman á administración local unha atención urxente a varias problemáticas que afectan a súa calidade de vida.
O presidente da asociación de veciños San Xosé de Campolongo, Juan Manuel Loureiro, e membros da xunta directiva quixeron dar visibilidade ás súas queixas xa históricas, pois a maioría levan, sen resposta efectiva, preto de dúas décadas.
Acompañan a Loureiro por este percorrido polo barrio de Campolongo: José Luis Cid, Manolo Vilela, Lorenzo Tilve e Ángel Andón.
A deterioración máis notoria que se atopa o visitante é o valado do Paseo de Valle-Inclán, que discorre sobre o río Gafos soterrado e que demanda unha reparación urxente.
Este reixa foi colocada para impedir o tránsito polo centro do paseo por mor da inestabilidade da estrutura e o risco de derruba por sobrecarga.
Esténdese dende o treito do paseo que entronca a rúa Xeneral Rubín coa Praza da Constitución. Outro pequeno peche metálico atópase no traxecto do paseo entre a rúa Iglesias Vilarelle e Alcalde Hevia.
Loureiro insiste en que o enreixado deste peche presenta un estado de abandono alarmante, acumulando sucidade e converténdose nun perigo para os nenos que xogan na zona e que xa detectaron que se introducen na zona prohibida, debido a que os peches están rotos.
No que respecta ao estado do río Gafos, a asociación demanda a rápida execución do proxecto de naturalización, que lembran que leva 25 anos no programa do Goberno municipal. "Se realmente hai superávit no Concello de Pontevedra, non hai desculpa para non actuar. Queremos que se diga claramente se o proxecto se levará a cabo ou non", sinala Loureiro.
Para este colectivo, o tempo apremia, xa que "estamos a mediados de novembro e acábase o prazo para os cartos das obras que ían a xustificar o levantamento do río Gafos", lamenta.
O paseo xunto ao leito do río Gafos tamén é obxecto de protesta. O motivo é que o acceso pola rúa Alcalde Hevia está prohibido dende o 10 de outubro, data da borrasca Kirk, e, pasado o incidente meteorolóxico, non se retirou a vala que impide o paso.
"Parece ser que están cambiando as pasarelas de madeira, pero poderían deixar acceder ata onde non hai obras. É unha mostra máis da deixadez neste tema", comenta un dos veciños.
Outro punto de preocupación é unha parcela situada ao lado desta entrada ao paseo, na esquina das rúas Alcalde Hevia e María Vitoria Moreno, que leva anos en estado de abandono. "Despois de 17 anos de reclamacións, seguimos sen accións por parte do Concello. A falta de limpeza e mantemento provoca un ambiente insalubre, con ratas e maleza que dificultan a calidade de vida dos veciños", explica.
Este terreo é privado, polo que estes veciños insisten en que o Concello de Pontevedra debería tomar cartas no asunto e obrigar aos seus propietarios a mantelo en condicións. Nese predio de 200 metros cadrados hai instaladas unhas valas publicitarias, polas que o propietario cobra un alugueiro.
"O que non pode ser é que non sancionen á persona que non limpa mentres está tendo un beneficio económico coas vallas publicitarias", indica Loureiro. Lindando con esta parcela, o Concello posúe un terreo de 80 metros cadrados (na proximidade do que foi o local Siroco) polo que a asociación de veciños propón que o consistorio faga unha oferta económica ao propietario para a adquisición da súa parcela.
Así mesmo, a asociación de veciños de Campolongo reivindica unha solución para unha parcela de cen metros cadrados, coñecida como o "galpón" (hai tempo funcionaba nesta pequena nave unha carpintería), situada fronte da anteriormente mencionada, na confluencia entre a Avenida María Vitoria Moreno e o Camiño das Abilleiras.
Esta parcela atópase en estado de abandono e é un foco de sucidade e pragas, a pesar das fumigacións de operarios municipais.
Tras anos de litixios sobre a propiedade, a asociación pide ao Concello que chegue a un acordo co propietario ou que, se isto non é posible, proceda á expropiación por interese xeral.
A proposta inclúe a limpeza da parcela, a demolición da estrutura en ruínas e a posible ampliación da rúa, mellorando así a calidade de vida do vecindario, un proceso que levan reclamando durante os últimos vinte anos.
Tamén realizan unha chamada de atención sobre o hórreo da Praza da Constitución, que sufriu un incendio en marzo deste ano e que permanece deteriorado sen que se tomasen medidas para a súa restauración. "O hórreo representa a falta de atención ao patrimonio local e á seguridade dos veciños", engade.
O quiosco da Praza da Liberdade, que durante anos estivo destinado a cafetería, é outro exemplo do abandono que sofre o barrio. "O Concello presentou un proxecto para reactivar este espazo, pero seguimos á espera de que se concrete unha acción real", recalca o presidente da asociación de veciños que ía ser unha das ocupantes deste local, xunto coa Federación de Veciños Castelao. Unha promesa que, pasadas as eleccións municipais de 2023, "quedou en saco roto".
A limpeza xeral do barrio é motivo de queixas continuas, unha situación que, inciden, non só afecta a Campolongo, senón que estenden ao resto da cidade. "Existen problemas de mantemento e falta de limpeza nos parques, bancos e espazos públicos, que non se atopan en condicións de uso", apunta Loureiro.
Sobre a iluminación, os veciños recoñecen melloras recentes, mais reclaman que se amplíe a cobertura luminosa en áreas como a Avenida Augusto García Sánchez, onde a escaseza de luz fai que os paseos nocturnos sexan arriscados, e a Praza de Galicia.
Outra cuestión que se menciona é a necesidade de revisar o estado das árbores nesta Avenida Augusto García Sánchez, con moitos exemplares danados e con risco de caída, como se pode comprobar tanto nos troncos debilitados como no pavimento rebentado polas raíces.
Tamén manifestan estes veciños a súa preocupación por un posible foco de trapicheo no aparcamento pola traseira dos edificios de Alcalde Hevia lindando co Paseo de Valle-Inclán, que aumenta a sensación de inseguridade no barrio. "Pedimos un incremento da vixilancia policial para erradicar ese problema e garantir a seguridade dos veciños", subliña Loureiro.
Os veciños piden un compromiso máis firme por parte do Concello para mobilizar proxectos que vinculen o acceso ao río e a integración de espazos, como a unión cunha plataforma de preferencia peonil entre os parques da Praza da Constitución e o coñecido popularmente como "parque da seta". "É un momento clave para que o Concello demostre que realmente lle interesa esta parte da cidade e que vai a actuar en consecuencia", reflexiona o presidente da asociación.
Mentres agarda que os responsables municipais materialicen os proxectos comprometidos, a asociación de veciños San Xosé de Campolongo mantén na súa axenda dúas iniciativas.
A primeira consiste en solicitar á Xunta de Galicia a cesión do xardín traseiro do edificio de Sanidade da Avenida de Vigo, co fin de integralo no entorno do río Gafos e permitir que a cidadanía poida gozar deste fermoso espazo. Se a cesión non é posible, a asociación pretende que se manteña aberto ao público.
O segundo proxecto busca que os veciños poidan acceder ao "complexo deportivo dos militares" (Centro Deportivo Sociocultural Militar Campolongo), situado tras o edificio administrativo da Xunta, para que todos os cidadáns de Pontevedra poidan utilizar as instalacións, consistentes en pistas de tenis, pádel, piscina, ximnnasio e zona verde, mediante o pago dunha pequena entrada. A asociación quere retomar as xestións co Ministerio de Defensa para que esta iniciativa se poida levar a cabo.