A veciñanza das rúas e barrios que atravesa o rego de Valdecorvos convoca para este sábado 29 de xuño ás 11:00 horas a I Marcha Fernando Olmedo ‐ Valdecorvos.
O obxectivo desta acción é "poñer o río de Valcorvos na axenda da cidade, como xa se ten traballado para pór en valor o río dos Gafos e as marismas de Alba", manifestan dende a organización.
O percorrido seguirá o curso do rego de Valdecorvos, dende o Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD), lugar próximo á súa desembocadura na ponte dos Tirantes, pasando polo parque de Valdecorvos ata a avenida de Lugo.
A iniciativa parte dos residentes na rúa Padre Fernando Olmedo e a Urbanización de Valdecorvos, e conta coa colaboración e apoio de colectivos como a A.V. Altamira - San Antoniño, Vaipolorío, Asociación Pola Defensa da Ría, ADEGA e o C.S. A Pedreira.
A actividade consistirá en facer un roteiro explicativo polo rego de Valdecorvos, dado que "é un gran descoñecido para o conxunto da cidade e está moi esquecido", sinalan os organizadores.
Durante a marcha, intervirán diferentes expertos e veciños maiores que explicarán como era a desembocadura e a zona da Seca antes de que este rego fose soterrado no seu último treito. Deteranse nos elementos patrimoniais como o lavadoiro da Seca, a fonte de Blas e o parque de Valdecorvos, reivindicando a posta en valor destes espazos esquecidos e deteriorados.
Así mesmo, exporanse as problemáticas das inundacións, obras e verteduras, e as posibles solucións propostas ou en estudio.