A senadora nacionalista Carme da Silva visitou Calvelo, en Cercedo-Cotobade, para coñecer de primeira man os graves problemas de seguridade que padece a veciñanza ao cruzar a N-541, a estrada que conecta Pontevedra con Ourense.
As persoas residentes nesta zona arriscan a súa integridade física cada vez que precisan acceder a servizos básicos como o centro de saúde, colexios ou supermercados.
Entre as demandas máis urxentes que o BNG trasladará ao Ministerio de Transportes mediante iniciativas nas Cortes, destaca a instalación dun paso elevado e a creación dun carril de incorporación en dirección Ourense á altura da cafetería Obélix.
A formación nacionalista tamén solicita unha vía peonil paralela á estrada para garantir o tránsito seguro das persoas.
A situación agrávase coa presenza dunha marquesiña de autobús situada nun estreito da beirarrúa que se inunda coa choiva, poñendo en especial risco aos nenos e maiores que utilizan o transporte público.
Durante a súa visita, acompañada polo portavoz municipal Ernesto Filgueira, Da Silva cualificou estas demandas como "xustas, sensatas e asumíbeis economicamente".
O BNG denuncia que esta situación é un exemplo máis do deficiente estado de conservación que caracteriza a maioría das vías de titularidade estatal en Galicia, e insta ao Ministerio a dialogar coa veciñanza e executar as melloras de xeito inmediato.