Unha veciña de Meaño necesitou asistencia médica despois de que este venres se rexistrase un incendio na súa casa.
Segundo informou o 112 Galicia, ardeu o baixo da casa, onde había un quentador de auga e unha cociña.
O resto da vivenda viuse afectada polo fume.
A propietaria da casa tivo que ser evacuada ao Hospital de Montecelo con síntomas de intoxicación por inhalar fume.
Segundo a información recollida no 112 Galicia, todo comezou preto da unha desta tarde nun domicilio situado na parroquia de Padrenda, en Meaño, ao pé da EP-9305. Unha información que ofreceron dúas testemuñas, que vían saír chamas do baixo da casa.
Así, solicitouse a intervención dos Bombeiros de Ribadumia, así como dos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, xa que podía haber persoas dentro da vivenda.
En canto aos bombeiros, que contaron coa colaboración dos membros do GES de Sanxenxo, sufocaron o incendio, que danou a parte baixa da casa.