A ampliación do polígono empresarial e industrial da Ran, en Cuntis, continúa avanzando nos seus trámites administrativos. Así quedou de manifesto tras a reunión da comisión de seguimento deste proxecto, que continúa sendo prioritario para os seus responsables.
A comisión, formada pola sociedade Suelo Empresarial del Atlántico (SEA), a Zona Franca de Vigo e o Concello de Cuntis, analizou o cronograma previsto para o inicio destas obras de ampliación e desenvolvemento do polígono.
A este respecto, consta xa o interese mostrado por diferentes empresas, tanto á SEA como ao propio concello, en instalarse no futuro polígono e proceder á reserva de chan en canto se abra o proceso.
A superficie contemplada no plan de sectorización para o futuro polígono é de 325.635 metros cadrados, dos que se destinarían a industria un total de 200.397 e a equipamentos uns 78.265 metros cadrados.
A constitución desta comisión de seguimento é un paso máis para o desenvolvemento desta área industrial, que se situaría na metade sur do ámbito que separa o vial principal e que atravesa actualmente a zona industrial xa existente.