Vaqueiro (PSOE) presenta a candidatura coa que busca acabar con 21 anos do PP na Lama

A Lama
09 de maio 2019

O cabeza de cartel estivo respaldado pola presidenta da Deputación Provincial de Pontevedra, Carmela Silva, e polo alcalde socialista de Ponte Caldelas, Andrés Diaz, e presentou un proxecto que sigue a máxima de poñerlle freo ao despoboamento que está a vivir o concello da Lama  

Presentación da candidatura do PSOE á Alcaldía da Lama
Presentación da candidatura do PSOE á Alcaldía da Lama / PSdeG-PSOE

O socialista Enrique Vaqueiro presentou este mércores a súa candidatura de cara ás eleccións municipais do próximo 26 de maio, coa que aspira a lograr o apoio necesario para chegar á Alcaldía da  Lama e" rematar cun goberno do PP durante 21 anos consecutivos que ten paralizada" a localidade

O cabeza de cartel estivo respaldado pola presidenta da Deputación Provincial de Pontevedra, Carmela Silva, e polo alcalde socialista de Ponte Caldelas, Andrés Diaz, e presentou un proxecto que sigue a máxima de poñerlle freo ao despoboamento que está a vivir o concello da Lama e construír un futuro de oportunidades e servizos para a súa veciñanza.

Vaqueiro anunciou un proxecto "ilusionante" e denunciou que o goberno do PP sumiu á Lama no estancamento, "baleirándoa e deixándoa sen servizos e sen músculo económico". "Non podemos seguir perdendo poboación", insistiu, e indicou que na actualidade o municipio só ten 2.000 habitantes e menos dun cento de nenos.

Vaqueiro anunciou que a proposta socialista inclúe incentivos fiscais para captar novas empresas, eliminando impostos ás leiras sen servizos así como a dinamización da vida económica e a posta en valor do patrimonio cultural das aldeas de Gaxate e Verducido ou a elaboración dunha estratexia de desenvolvemento turístico para todo o concello.

Carmela Silva, pola súa banda, destacou que "o goberno da Lama é un goberno paralizado, sen idea nin proxectos, sen iniciativas" e que "o único obxectivo do actual alcalde é manter ao PP no poder". 

"O pobo da Lama precisa dun cambio e o precisa dun xeito urxente. Precisa dun novo goberno que traballe con paixón para reverter a súa situación", asegurou Silva, que afirmou que Enrique e a candidatura socialista é o que precisa este concello, un alcalde que " defenda os intereses e dereitos da veciñanza e deixe de estar ás ordes de Rueda e de Feijóo", en referencia aos presidentes provincial e galego do PP, Alfonso Rueda e Alberto Núñez Feijóo, vicepresidente e presidente da Xunta, respectivamente.