O grupo Vamos a todo, un dos clásicos do Entroido pontevedrés, será o encargado de dar o pregón do entroido de Pontevedra. Os seus membros, na actualidade unha trintena, subirán ao balcón da Casa da Luz para dar o pistoletazo de saída a nove días cheos de diversión, retranca e bo humor. Será o venres 5 de febreiro, a partir das nove da noite, e por agora, recoñecen os seus membros, "non sabemos o que vamos a facer".
Aínda que soe a tópico, Javier Pazos asegura que é "verídico". Este membro do grupo, que actuou como portavoz, recoñeceu que o listón está "alto" tras os pregóns de Caqui Viñas, Os Amoriños de Bora e Os de Sempre en anos anteriores, "pero algo faremos". E sempre, adiantou, co espírito mordaz e reivindicativo que caracteriza a esta formación, que este ano cumpre dez anos de vida.
Son, lembrou a concelleira de Festas Carme da Silva, un dos grupos máis activos do entroido de Pontevedra porque "participan absolutamente en todo o que se fai na cidade", facendo sempre gala de "moito sentido do humor, retranca e buscando asuntos de actualidade". Por iso, asegurou que "é unha honra" que aceptasen dar o pregón este ano.
Vamos a todo é un dos grupos máis críticos e mordaces dos que participan no entroido pontevedrés. Entre outras parodias, moitos lembran aínda o seu peculiar musical Bye Bye Teresa -en relación á saída de Teresa Casal do PSOE-, a súa carroza coa fachada do Concello, os pi-rratas do Puro Lérez, o servizo de limpeza municipal, os soldadiños verdes, a visita do Papa ou a divertida Lomboaventura co Ravachol-Khan.
Javier Pazos, que apareceu na rolda de prensa cun bebé en brazos -como chiscadela ao xesto de Carolina Bescansa no Congreso-, afirmou que para eles é un "orgullo" ser os pregoeiros do entroido pontevedrés porque "levamos moitos anos na rúa", gozando dunha festa á que cualificaron como o mellor entroido urbano de Galicia "e que está a ser unha referencia en toda a comunidade".
Vamos a todo, lembrou, participa en todas as actividades do entroido salvo no concurso de murgas, que abandonaron porque entendían que a súa proposta "non tiña lugar" no formato actual. "Agora van músicos e cunhas voces incribles, dá gusto velos", afirmou o portavoz do grupo. Pero mantéñense fieis a todo o demais, o desfile, a Noite Pirata, a Mostra da Parodia ou o enterro do Ravachol, do que forman parte do cortexo fúnebre.
E todo iso supón un gran custo económico. Só o local onde se reúnen e gardan todo o seu material cústalles 4.000 euros ao ano. A pesar diso, prometen seguir "por moitos anos" e mesmo aproveitaron para pedir ao Concello que poña en marcha de forma decidida un Entroido de Verán, para o que ofreceron toda a súa colaboración. Carme da Silva prometeu estudar a proposta e buscar as datas máis adecuadas para poder organizalo.