Valoran coma "éxito rotundo" os máis de mil encontros de traballo mantidos polo sector turístico da provincia en Sevilla e Bilbao

Pontevedra
21 de outubro 2022

A presidenta da Deputación, Carmela Silva informou que "superamos amplamente as expectativas con máis de 200 empresas andaluzas e vascas que amosaron o seu enorme interese polo destino Pontevedra Provincia. Estou segura que pronto se verán os resultados"

Representantes da delegación pontevedresa que participou nos encontros de traballo de Sevilla e Bilbao
Representantes da delegación pontevedresa que participou nos encontros de traballo de Sevilla e Bilbao /

De "éxito rotundo" cualificou a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, aos "workshops" que se celebraron esta semana en Sevilla e Bilbao nos que se realizaron máis de mil  encontros de traballo entre as empresas turísticas da provincia que viaxaron coa delegación da Deputación e do Clúster de Turismo e máis de 200 firmas andaluzas e vascas.

"Superamos amplamente as expectativas coas que partíamos", asegurou a presidenta, "e o noso destino espertou un enorme interese polo que estou convencida de que pronto se verán os resultados". 

Os eventos, os días 19 e 20 de outubro no complexo Las Setas de Sevilla e no Yimby Bilbao Ercilla, pecháronse coa presentación da campaña "Love Rías Baixas" e a degustación gastronómica de productos das Denominacións de Orixe situadas na provincia que "namoraron" ao público asistente, segundo salienta a delegación pontevedresa.

Para Carmela Silva estas iniciativas "son fundamentais para fomentar a desestacionalización e incrementar a captación de visitantes en dous mercados como son Sevilla e Bilbao, de enorme interese para a provincia, cun forte consumo de productos culturais e enogastronómicos". 

Lorena Varela, xerenta da Ruta do Viño Rías Baixas incidiu no "especialmente receptivas" que foron as empresas de Sevilla e Bilbao. "Temos observado un grande interese en integrar a oferta enoturística nos paquetes que venden do destino Pontevedra Provincia", afirmou. 

Pola súa banda o director do Museo de Pontevedra amosou a súa satisfacción pola "grande acollida da proposta do Museo, da que destacaron a calidade e excelencia dos servizos ofertados". 

A Deputación de Pontevedra é a única galega que realiza estas actividades de promoción e comercialización de destinos.