O Plan Revitaliza, o proxecto de compostaxe descentralizada da Deputación de Pontevedra, foi exposto como "un modelo a seguir" nas xornadas técnicas do Consorci de Residus V5 da Comunidade Valenciana en Xátiva. Foi o asesor de residuos provincial Carlos Pérez, xunto coa técnica María Martínez Abraldes, os que expuxeron as características da iniciativa de compostaxe que está a desenvolver a institución pontevedresa e que xa implica a 35 concellos da provincia.
Ambos explicaron a proposta pontevedresa xunto a outros técnicos de localidades que teñen implantada a compostaxe como sistema de xestión de residuos dende hai anos e que teñen demostrado unha traxectoria exitosa, como é o caso de Navarra, Cataluña ou o País Vasco.
No seu relatorio Martínez Abraldes explicou como a Deputación de Pontevedra chegou ao deseño do Plan Revitaliza logo de ter analizado a poboación e a orografía da provincia. As características de dispersión dos puntos de xeración de residuos, así como a existencia de poboación rural con vivendas unifamiliares con parcela, foron as que determinaron as características do plan provincial. "O transporte do lixo é demasiado caro e entendemos que o mellor modelo de xestión do lixo é o descentralizado, para tratar os residuos onde se xeran", indicou.
Asegurou tamén que o lixo orgánico dos 900.000 habitantes da provincia practicamente se pode xestionar en case tres partes iguais mediante composteiros individuais, comunitarios e plantas comarcais.
No ano e medio que a Deputación leva traballando co sistema da compostaxe comunitaria, segundo dixo a técnica, lévanse instalados 57 centros en 21 concellos da provincia co obxectivo de que a cidadanía puidese comprobar as bondades da compostaxe e que non existen impedimentos para que os centros sexan colocados en espazos neurálxicos de cada vila.
En canto a números, asegurou que se levan xestionados máis de 500.000 quilos de residuos orgánicos, o que en termos económicos supón que se poderían ter aforrado máis de 100.000 euros se ademais de evitar o tratamento en Sogama se tivese eliminado o sistema de recollida e transporte.
Finalmente, a técnica destacou que na segunda fase do Plan Revitaliza cinco concellos da provincia e Pontevedra optaron polo cambio total de modelo de xestión do lixo, que suporá cambiar á compostaxe o tratamento do 100% da materia orgánica xerada. Como obriga, indicou, esíxese que nos vindeiros anos se retire o colector verde.
Pola súa banda, Carlos Pérez falou dos custes do proceso da compostaxe e dos cambios necesarios nas taxas municipais, cuestións que deben ser abordadas de xeito individual por cada un dos concellos que se implican no Plan Revitaliza co obxectivo de ser equitativos ao pagar os custos do servizo e plantexar que pague máis quen máis contamina.
Pérez tamén insistiu no ámbito económico e dixo que os concellos que aposten pola compostaxe deben realizar un cambio de sistema o máis rápido posible xa que, de manter os dous modelos, a compostaxe e a recollida actual da fracción resto, o custe total do lixo para os concellos increméntase considerablemente. Segundo explicou, é a partir do tratamento do 50% do lixo orgánico a través de composteiros individuais e colectivos cando se obteñen reducións moi significativas do custe dos residuos municipais.