Val do Ulló promove o uso da bicicleta cunha festa dominical en Vilaboa

Vilaboa
25 de setembro 2024

A actividade comezará ás 11:00 horas na contorna das Salinas. O obxectivo principal é promover o uso da bicicleta como medio de transporte sostible. As persoas participantes percorrerán un circuíto sinxelo e haberá sorteo de agasallos

Ciclistas do Club Val do Ulló
Ciclistas do Club Val do Ulló / Club de Ciclismo Val do Ulló

Este vindeiro domingo 29 de setembro, Vilaboa acollerá a Festa da Bicicleta, un evento familiar e lúdico organizado polo clube ciclista Val do Ulló en colaboración co Concello e a Deputación.

A actividade comezará ás 11:00 horas na contorna das Salinas.

O obxectivo principal é promover o uso da bicicleta como medio de transporte sostible.

Deseñouse un circuíto sinxelo e accesible para participantes de todas as idades, segundo a organización.

É obrigatorio ouso de casco, e os menores deberán ir acompañados por un adulto responsable da súa inscrición.

Ao rematar o percorrido, realizarase un sorteo de agasallos entre os participantes con dorsal, como incentivo adicional para a participación.

O clube Val do Ulló aproveita esta iniciativa para dar a coñecer a súa Escola de Ciclismo, que xa conta con decenas de nenos e nenas de entre 5 e 10 anos.

Os adestramentos realízanse todos os sábados pola mañá no pavillón polideportivo do Toural.

Cabe destacar os éxitos recentes do clube, como o de Alba Fernández, quen se proclamou campioa da Copa de España de Pump Track 2024 en Huércal a principios deste mes.

Esta Festa da Bicicleta preséntase como unha oportunidade para gozar en familia dunha xornada deportiva e promover hábitos saudables na comunidade de Vilaboa.