Este sábado varios membros da asociación Vaipolorío retomaron os traballos de limpeza e mantemento do río dos Gafos.
Despois de dous meses de inactividade física debido ás restricións impostas polo Estado de Alarma, o colectivo ambientalista puido desenvolver o seu voluntariado ao aire libre.
O seu labor comezou na contorna do Muíño de Cabanas, o único que funciona no leito do río dos Gafos.
Os voluntarios rozaron a maleza da contorna e limparon a presa para evitar a obstrución do cubo do muíño, de modo que este se atope en óptimo estado no momento de maior afluencia de auga para poder moer.
Os Gafos conta con outros dous muíños na zona rural, en Bértola e Tomeza, e catro que sobreviven na área urbana.