Vaipolorío organizou este sábado unha nova xornada de limpeza no Gafos aínda que, nesta ocasión, non foi lixo e residuos o que os voluntarios desta asociación ambiental sacaron do leito do río.
O obxectivo desta nova acción era retirar árbores caídas sobre o sendeiro que hai no tramo rural do río, en Tomeza.
Varias persoas, motoserra en man, foron as encargadas de cortar as árbores caídas para posteriormente poder retirar a madeira do camiño.
Con esta iniciativa Vaipolorío pretendía facer practicable o sendeiro na súa totalidade e facilitar o paseo dos usuarios, minimizando os efectos que se rexistran durante a época de choivas no outono e no inverno con inundacións debido á crecida do río.