Vaipolorío recolle 120 quilos de lixo na primeira xornada de limpeza do Gafos neste agosto

Pontevedra
01 de agosto 2021

Representantes do colectivo ecoloxista coa axuda de integrantes da Asociación Juan XXIII iniciaron este domingo a campaña con 15 participantes que, entre o lixo, atoparon no fondo do río máis de 40 quilos de vidro

Participantes na xornada da campaña de limpeza do Gafos realizada por Vaipolorío
Participantes na xornada da campaña de limpeza do Gafos realizada por Vaipolorío

15 persoas sumáronse este domingo á primeira xornada de limpeza do río Gafos atendendo á chamada de Vaipolorío á cidadanía para participar nestas accións anuais que chegan ao seu 21 aniversario e nas que tamén colabora a Asociación Juan XXIII.

Nesta ocasión, segundo informa a asociación ecoloxista retiráronse 120 quilos de lixo, a metade da recollida hai un ano na primeira xornada. Destacan a presenza de máis de 40 quilos de residuos de vidro atopados no fondo do río. 

Desde Vaipolorío seguen facendo un chamamento á participación nestas tarefas de conservación do medio natural e positivas para a cidade durante todos os domingos de agosto. Lembran principalmente á xente máis nova a necesidade de apoiar estas propostas e mostrar o seu compromiso coa natureza.

Para apuntarse é necesario chamar antes dos venres ao teléfono 676.842.942 e levar botas altas e roupa axeitada para realizar a recollida do lixo.