Vaipolorío organiza unha festa para celebrar a declaración do Gafos como ENIL

Pontevedra
07 de maio 2019

A asociación ecoloxista Vaipolorío organizou un acto público o vindeiro sábado 11 de maio a partir das 19.00 horas na zona de Ponte da Condesa, en Tomeza. A festa está dedicada a todas as persoas que "fixeron posible que isto sucedese" e estará amenizada Os Chichisos e Cantanascroas 

Río dos Gafos
Río dos Gafos / Mónica Patxot

A asociación ecoloxista Vaipolorío organizou un acto público o vindeiro sábado 11 de maio para celebrar a declaración do río Gafos como espazo natural de interese local ( ENIL), unha protección ambiental aprobada en marzo pola Xunta de Galicia.

A festa celebrarase a partir das 19.00 horas do sábado na zona de Ponche da Condesa, en Tomeza, e está dedicada a todas as persoas que "fixeron posible que isto sucedese".

A celebración estará amenizada polos grupos musicais Os Chichisos e Cantanascroas.

O novo espazo protexido confórmase ao redor do río e ocupa unha extensión de 49.8 hectáreas localizadas integramente polo termo municipal de Pontevedra. É, ademais, unha zona moi concorrida polos veciños deste municipio.

Desde o punto de vista dos valores naturais, o ENIL dos Gafos protexe unha zona moi rica en canto á biodiversidade. Así, destaca sobre todo por ter unha comunidade vexetal moi diversa con presenza de bosques ribeiregos de gran densidade nos cales destaca a Narcissus cyclamineus, planta endémica da Península Ibérica, pero tamén por albergar 20 especies de mamíferos, 92 de aves, 11 especies de anfibios e outras tantas de réptiles, ademais dunha amplísima variedade de insectos.

Esta figura de protección supón para o Concello de Pontevedra, promotor da solicitude e responsable da súa xestión, asumir o compromiso de poñer en práctica todas as medidas necesarias para garantir a conservación dos valores naturais que representa. A declaración tamén lle dará preferencia no acceso e obtención de axudas destinadas a garantir a súa preservación e mellorar a xestión desta zona.