O colectivo Vaipolorío puxo este luns en coñecemento da Dirección Xeral de Ferrocarriles, da Xefatura da Consellería de Medio Ambiente, de Augas de Galicia e do Concello de Pontevedra a ocupación ilegal e "insalubre" nunha parcela do barrio do Couto en Salcedo.
A asociación ecoloxista expón na súa denuncia que se trata dunha ocupación dunha chaira con vehículos e outros refugallos a escasos metros do río Gafos e do restaurado muíño de Cabanas, e solicitan a adopción de medidas.
Como explicaba o presidente do colectivo, Gonzalo Sancho, non se pode encher o mundo de lixo, e menos tratándose de terreos que, como recalcaba, forman parte da paisaxe pública. "Pero claro, vanse establecendo e establecendo e ao final estas cousas só se resolven a golpe de denuncia", comentaba.
Vaipolorío, que nace da necesidade de recuperar o río Gafos ante a deterioración medioambiental que estaba a sufrir e a falta de preocupación das distintas institucións, non é a primeira vez que denuncia casos de vertidos de lixo ou outros casos de contaminacións nesta localización.
Hai uns anos, e con resultados positivos, segundo nos conta Gonzalo, xa fixeran unha denuncia á Policía Local cando se estaban levando a cabo as obras do AVE, sobre un caso de auga fecal dun asentamento irregular que acababa no río Gafos.
Aproveitando a roza que se fixo na zona, na explanada acumúlanse restos de automoción, embalaxes, lixo, cartóns, plástico e demais refugallos que ao chegar a enchenta, sinala Gonzalo, van parar como é lóxico ao río.
"No momento no que a cousa empezou a descontrolarse e chegaba case ata o renovado muíño de Cabanas, que ten un gran valor patrimonial e etnográfico, foi cando nos saltou a alarma, comenta o presidente da asociación, e foi aí cando decidiron poñer cartas no asunto. "Isto é parte da nosa labor" afirma, "e cada vez que se produce un atentado contra o río nós o denunciamos".