A asociación ecoloxista Vaipolorío amosou este luns publicamente o seu "malestar" coa Concellería de Desenvolvemento sostible e Medio Natural do Concello de Pontevedra porque consideran que teñen "medio esquecido" o espazo natural de interese local (ENIL) do río Gafos.
Vaipolorío amosa esta opinión como resultado da súa asemblea anual, celebrada o pasado sábado 3 de xullo, na que valoraron que este ENIL "naceu con mal pé". Primeiro, a Xunta de Galicia tardou 8 anos en aprobar definitivamente a dotación de protección do espazo natural e agora o Concello de Pontevedra "estase a atrasar máis do debido en sinalizar e ordenar preceptivamente o ENIL".
A entidade critica este atraso polas "reiteradas ocasións" en que os membros de Vaipolorío reclamaron sobre este tema.
Durante esa asemblea, un socio preguntou pola situación actual do ENIL e polas normas que rexen a convivencia de peóns e bicicletas, pois dicía "sentirse indignado" pola presencia de algún ciclista "irrespetuoso" coa xente camiñaba polo paseo.
Desde a directiva explicaron que hai un mes reuníronse co concelleiro de Medio Natural, Iván Puentes, para preguntar pola cartelería que debería estar no río para advertir das normas de Plan de conservación que o Concello redactara para o espazo protexido e que o responsable local tomou nota para darlle prioridade á situación. Dado que non volveron ter noticias do tema, decidiron amosar este malestar en público.