Vaipolorío advirte da escaseza de caudal do río Gafos nesta primavera

Pontevedra
19 de maio 2023

Xosé Manuel Feijoo, representante do colectivo ecoloxista, indica que o nivel de auga é moi baixo para esta época do ano. "É preocupante para este mes", afirma sinalando que a asociación tamén solicitou a Augas de Galicia que empregue maquinaria para retirar diversas especies de árbores derrubadas polas enchentes dos meses pasados sobre o leito do río

O río Gafos baixa con escaso caudal neste mes de mayo de 2023
O río Gafos baixa con escaso caudal neste mes de mayo de 2023 / Mónica Patxot

O río Gafos non está nas mellores condicións, sinala Xosé Manuel Feijoo de Vaipolorío, ao mirar desde o inicio deste Espazo Natural de Interese Local (ENIL) o leito polo que transcorre a escasa auga. "Estamos vendo un caudal baisíximo e non é normal nesta época do ano", afirma o representante do colectivo ecoloxista que se encarga da limpeza deste espazo natural que transcorre por Pontevedra.

"É preocupante para este mes", laméntase para admitir que "vai ser un ano complicado" en canto a escaseza de auga ao observar como baixa a auga do río. "Agardamos que chova con xeito porque é fundamental polo río e os cultivos. A auga é imprescindible e a auga doce máis", argumenta indicando que agora a cidadanía comeza a ser consciente da súa importancia ante un ben natural cada vez máis escaso e demandado.

Ademais, o leito do Gafos ofrece unha imaxe deteriorada para as persoas que o visitan estes días xa que as inundacións deste inverno causaron a caída de numerosas árbores como acacias, robainas ou sabugueiros. Feijoo indica que as inundacións neste río son frecuentes porque ten escasa pendente, apenas cincuenta metros desde que nace ata a súa desembocadura. 

"Ao recibir moita auga en pouco tempo a enchenta está asegurada", explican desde Vaipolorío relacionando este efecto coa planicie, á que só favorece a choiva continuada sen precipitacións fortes xa que as inundacións arrastran moito lixo procedente dos afluentes e doutras achegas, aínda que axuden a sedimentar e fertilizar os campos. 

O colectivo xestiona durante estes días co organismo Augas de Galicia, pertencente á Xunta, que destine maquinaria para retirar as árbores de gran tamaño que se atopan derrubadas en distintos tramos do río. "Necesitamos un tractor con pluma para retirar isto", recoñece Feijoo que lembra que Vaipolorío conta con persoal colaborador que pode axudar no retirada pero carece de medios mecánicos para acometer estes traballos complexos.