"Vai realizar a Xunta algunha xestión para evitar o peche de Abanca en Campelo?", pregunta o PSOE

Poio
25 de agosto 2021

A viceportavoz socialista Paloma Castro reclámalle ao goberno galego que se implique para conseguir que a entidade bancaria manteña a sucursal aberta a través de varias iniciativas presentadas no Parlamento de Galicia

Paloma Castro, diputada do PSdeG no Parlamento de Galicia
Paloma Castro, diputada do PSdeG no Parlamento de Galicia / PSdeG

Paloma Castro, viceportavoz do Grupo Socialista no Parlamento de Galicia, presentou unha serie de iniciativas nesta institución para demandar á Xunta de Galicia que inicie de maneira inmediata as xestións oportunas para evitar o peche da sucursal que Abanca ten na parroquia de Campelo, no municipio de Poio.

O 8 de setembro está previsto o peche desas oficinas e a representante socialista alerta de que esta decisión deixará á poboación desta zona sen o servizo bancario diario que presta a entidade financeira coa repercusión que supoñerá principalmente entre os residentes de idades máis avanzadas, que carecen ou teñen dificultades de acceso ás utilidades tecnolóxicas.

Como consecuencia do peche, esta poboación terase que desprazar a outros puntos para realizar as xestións bancarias, indica Castro, afectando á economía de Campelo tanto ao comercio como á hostalería e o sector servizos en xeral.

A representante socialista alerta de que para evitar o despoboamento no rural é necesario manter os servizos básicos e, por este motivo, esixe a inmediata intervención da Xunta de Galicia neste problema.

Na mesma liña pronúnciase o tenente de alcalde do Concello, Gregorio Agís, sinalando que é intolerable que unha entidade bancaria que foi pública, con importantes rendementos económicos, peche as oficinas sen ter en conta as consecuencias que supón para os seus clientes e a veciñanza.

Ante esta situación, Paloma Castro trasladará ao Parlamento de Galicia a súa pregunta sobre se o goberno de Alberto Núñez Feijóo realizará algunha xestión para evitar o peche anunciado da sucursal de Abanca en Campelo.