A gran derrotada nas eleccións sindicais que ENCE celebraba este luns na fábrica foi UXT. O voto dos traballadores provocou un cambio considerable na constitución do comité de empresa. UXT perde tres integrantes, de forma que Comisións Obreiras queda con cinco delegados, a CIG con outros cinco e UXT con tan só tres. CIG e CC.OO. obtiñan 82 votos cada unha.
Por departamentos, no Colexio de Técnicos e Administrativos, os resultados foron moi igualados, empatando os tres sindicatos con dous representantes cada un, mentres que no Colexio de Especialistas, CC.OO. e CIG lograban tres delegados cada central mentres que UXT quedaba con só un.
No anterior proceso electoral, que se celebrou en 2014 para escoller un comité de nove representantes e posteriormente en 2015 onde se escollía un comité de 13, a CIG obtivera un total de tres delegados, CCOO catro e UGT seis. O comité de empresa estaba presidido dende 2014 por Pedro Soto, de UXT, que tiña maioría de representantes.
CC.OO. considera, a través do seu secretario xeral de FSC-CC.OO. de Pontevedra, José Enrique González Romero que foi "o sindicato que mellores resultados obtén no 2018, pasando de 2 delegados a 5 actualmente" ao tomar como referente os resultados das eleccións de 2014 cando UXT lograba catro delegados, tres a CIG e dous CC.OO. Este sindicato entende que o castigo que recibe a UGT se dá fundamentalmente no colexio de Especialistas, onde só conseguiu 24 votos. Pola súa banda, a CIG tamén se mostra moi satisfeita con estes resultados, segundo afirmaba Xabier Aboi, representante da central.
Segundo fontes vencelladas á fábrica, a CIG renovou practicamente a súa lista para estas eleccións xa que só mantiña a un candidato dos que se presentaron en 2014. O castigo a UXT, segundo as mesmas fontes, viría motivado polo trato pouco crítico coa dirección da empresa pasteira por parte dos representantes sindicais desta formación.
Agora ábrese un período de negociación entre as distintas forzas sindicais. Non se descarta, dentro da factoría, que haxa un acordo entre CIG e CC.OO. para que se repartan a presidencia e a secretaría do comité de empresa durante o próximos catro anos. A diferenza do que sucede noutros sectores, as relacións entre integrantes destes dous sindicatos en ENCE é boa e iso beneficia o entendemento entre ambas formacións.