O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, anunciou a adxudicación das obras do novo parque da Parda á Unión Temporal de Empresas (UTE) formada por Construciones Ramírez e Construciones, Obras y Viales, S.A. (COVSA).
A Xunta de Goberno Local celebrada este xoves elixiu "a mellor oferta", que se corresponde coa presentada por estas dúas empresas, cunha proposta de 5.317.619 euros.
Ademais de ser a máis vantaxosa desde o punto de vista económico, Ramírez e Covsa asumen todas as melloras expostas nos pregos deste concurso, é dicir, un parque infantil a maiores, o reforzo da iluminación e a mellora do mobiliario urbano. Todo iso valorado nuns 300.000 euros.
A previsión que manexa o alcalde é que se asine antes de final de ano o contrato coa UTE adxudicataria, para que os traballos comecen a principios de 2025. As obras durarán 28 meses.
"Este parque é o máis importante feito nos últimos cen anos na cidade", repetiu o alcalde.
O parque proxectado na Parda situarase nos máis de 30.000 metros cadrados de terreo detrás da estación do tren.
Terá unha pista de skate, dous miradoiros cara á estación do ferrocarril e as vías, unha canle de auga, sendas, áreas de xogo, rocódromo, 1.858 novas árbores, un paseo xaponés e zona de aparcadoiro para 220 prazas.