Persoas usuarias da Asociación Alba expoñen os seus traballos no Pazo de Besada

Poio
10 de outubro 2024

Entre a poboación con problemas de saúde mental existe un baixo índice de inserción laboral, o que supón unha das principais barreiras de inclusión social

Usuarios da Asociación Alba expoñen os seus traballos no Pazo de Besada
Usuarios da Asociación Alba expoñen os seus traballos no Pazo de Besada / Concello de Poio

Os usuarios da Asociación Alba expoñen os seus traballos no Pazo Besada ata o próximo 24 de outubro.

A mostra abriuse este xoves coincidindo coa conmemoración do Día Mundial da Saúde Mental e ao acto de inauguración asistiron o alcalde de Poio, Ángel Moldes, e a concelleira de Igualdade e Benestar, Natividad Torres.

Este 10 de outubro incídese no vínculo que hai entre o traballo e a saúde mental, e Ángel Moldes apelou á importancia de "rachar todos eses estigmas que aínda perduran, actitudes negativas ou discriminatorias que dificultan a integración". Por iso, felicitou o traballo e a labor "tan importante" que desenvolve a Asociación Alba, "un apoio fundamental para as persoas usuarias e tamén para as súas familias".

Desde a Asociación Alba recordan que o traballo é unha ocupación que dá ás persoas un sentimento de pertenza na sociedade, ao ser unha parte activa da mesma. Entre a poboación con problemas de saúde mental existe un baixo índice de inserción laboral, o que supón unha das principais barreiras de inclusión social.

Na Asociación Alba traballan para favorecer unha vida digna para as persoas con enfermidade mental, o que se leva a cabo, en parte, a través de facilitar o acceso a diferentes recursos.

Tamén se promove a súa participación en talleres ocupacionais, nos que se elaboraron algunhas das pezas de cerámica, barro, pintura e espello que se expoñen e poden adquirir no Pazo Besada.