Urxen desde o Concello a reforma da variante de Alba para garantir a seguridade dos peregrinos de cara ao Xacobeo

Pontevedra
28 de outubro 2019

Anabel Gulías, a voceira do goberno municipal de Pontevedra, sinalou que seguen a producirse incidentes na ponte do tren con camións atorados e afirma que agarda que a Xunta sexa unha "administración seria" e que este proxecto que leva un atraso no tempo non quede nun anuncio electoral

Camión accidentado na ponte de San Caetano, Alba
Camión accidentado na ponte de San Caetano, Alba / Mónica Patxot

O último incidente dun camión atrapado baixo a ponte ferroviaria na zona de Alba provocou que desde o Concello reclamen á Xunta que se faga realidade o proxecto de reforma dese trazado para garantir a seguridade peonil e que se desvíe a circulación do tráfico pesado.

Anabel Gulías, portavoz do goberno local de Pontevedra, indicaba este luns que é necesario que o Concello conte con esa infraestrutura a falta de dous anos para a celebración do Xacobeo. Alertaba da presenza de numerosas persoas que realizan ese roteiro peregrino na contorna das parroquias de Campañó e de Lérez.

O Concello presentara alegacións ao proxecto da Xunta reclamando que o tráfico pesado evite o acceso por baixo do tren, Anabel Gulías lembrou que este proxecto suma un importante atraso. Desde hai ao redor de 15 anos esta reforma circula entre as administracións sen que se acometa a posta en marcha desta alternativa á PO-225.

A portavoz municipal indicou que espera que a Xunta sexa unha "administración seria" e que cumpra co Concello. Neste sentido, afirma que ten esperanzas en que non sexa un proxecto froito dun "calentamento preelectoral". Gulías afirmou que desde o goberno local van insistir e a colaborar para que non se produzan obstáculos na execución desta iniciativa.

Arquivado en