A partir do venres 25 de febreiro a actividade festiva volverá a Pontevedra coa celebración do Entroido 2022. O Concello de Pontevedra retoma algúns dos eventos destas datas despois de que en 2021 se suspendera debido á pandemia.
O loro Ravachol non desfilará polas rúas pero si será presentado o luns 28 de febreiro para coñecer a súa vestimenta e permanecerá exposto ata o sábado 5 de marzo na praza de España, antes de que faleza e desapareza entre as lapas.
Precisamente, este venres presentábase o cartel para este Entroido 2022, obra do artista pontevedrés Santiago Paredes Cruz. A imaxe dá protagonismo ao papagaio máis representativo de Pontevedra cunha espada de madeira e un gorro de papel aínda no niño. A concelleira responsable de Festas, Carme da Silva, afirma que "Ravachol será a nosa ave fénix particular, que renace con forza" convidando á cidadanía a que participe da festa que se trasladará ás rúas.
Santiago Paredes é un artista formado na Facultade de Belas Artes da cidade e autor de carteis como os do festival Surfin' The Lérez. Coa súa irmá Cecilia abriu un estudo na Rúa San Antoniño onde se traballa deseño, moda e arte vangardista.
Nesta edición que se iniciará o día 25 coa chegada e recepción do rei Urco, seguido pola lectura do pregón a cargo do Equipo Ja, recupérase o concurso de Murgas no Pazo da Cultura cando se cumpren trinta anos desde que comezou a celebrarse. A final está prevista para o xoves 3 de marzo. Ademais de pasacalles e actividades de animación en distintos puntos está prevista a realización de talleres de Entroido con xogos e disfraces en zonas como as Palmeiras, Campolongo e Curros Enríquez.
A tripulación do Burla Negra desembarcará en Curros Enríquez o 1 de marzo para celebrar a festa pirata. A outra gran cita será o sábado 5 de marzo coa queima de Ravachol na praza de España. Este ano non se celebrarán os tradicionais desfiles para evitar posibles contaxios de covid-19.
Tamén, como é habitual, realizaranse xornadas culturais sobre o Entroido de Galiza, que se desenvolverán na sede da igrexa de Santa Clara, actos anunciados para o 11 e 12 de marzo, que servirán para ofrecer información sobre esta tradición a través de varias conferencias e mesas redondas.