Volve Urbtopías. Pontevedra será de novo punto de encontro para reflexionar e debater sobre o futuro das cidades que habitamos. Farao, nesta ocasión, baixo o prisma da centralidade do espazo público e a súa importancia na construción dunha sociedade mellor.
A antiga igrexa do convento de Santa Clara é o escenario elixido este ano para acoller este ciclo de conferencias que, segundo a edil de Promoción da Cidade, Anabel Gulías, "nace da necesidade de analizar o que acontece en Pontevedra en clave local".
Permite que expertos en diferentes materias acudan á cidade para "reflexionar sobre o que pasa", seguir divulgando a imaxe internacional de Pontevedra e poñer as bases para poder traballar en rede "para construír cidades mellores" e adaptadas a todas as necesidades.
A primeira xornada de Urbtopías, o mércores 12 de abril, abordará un tema do que, segundo Anabel Gulías, "raramente se fala" cando se analizan actuacións de transformación urbana: como cambian o son e a acústica das cidades cando se "repensa" o seu espazo.
Participarán nela tres expertos no estudo das paisaxes sonoras, o sociólogo francés Jean-Paul Thibaud, o artista sonoro e investigador Xoán Xil López e Luís López Alonso, investigador do grupo Grades. Estarán moderados pola xornalista Carolina Neira.
A creatividade será o eixo temático da mesa redonda do mércores 19 sobre a base de como o deseño das cidades pode contribuír a xerar "actividade económica, sinerxias e determinadas dinámicas", sinalou Gulías. No caso de Pontevedra, no ámbito creativo.
Debaterán sobre esta cuestión, baixo a batuta da xornalista cultural Marta Gómez, o decano da Facultade de Belas Artes, Xosé Manuel Buxán, a coordinadora da candidatura de Braga como Capital Portuguesa da Cultura, Joana Meneses, e a directora de Vinte, María Yáñez.
O acto central e "imprescindible" de Urbtopías, segundo a edil de Promoción dá Cidade, será á semana seguinte, concretamente o mércores 26 de abril.
Servirá como homenaxe a un dos arquitectos máis prestixiosos do mundo, o danés Jan Gehl, que acuñou o termo de "cidades suaves" para definir proxectos de transformación urbana como o que se impulsou en Pontevedra, contornas "a escala humana".
Ademais de dous dos seus máis estreitos colaboradores, os arquitectos David Sim e Ola Gustafsson, participarán a arquitecta galega Teresa Táboas e o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores. Fernando González "Gonzo" será o moderador desta xornada.
Urbtopías chegará á súa fin o venres 5 de maio cunha mesa redonda coa que, explicou Anabel Gulías, "daremos unha volta de torca", xa que serán catro xornalistas os que analizarán como se trata desde os medios estes procesos de cambios nas cidades.
Os relatores serán Ana Pardo de Vera (Público), Silvia Intxaurrondo (TVE), Ramón Rozas (Diario de Pontevedra) e o escritor e guionista Rodrigo Cota. Neste caso, invertindo o formato, actuará como moderador o arquitecto Jorge Rodríguez Álvarez.
Todas as conferencias comezarán ás sete da tarde e serán de acceso libre ata completar aforo. Ningunha delas require de inscrición previa.