Coa chegada do bo tempo as comunidades de Montes iniciaron os traballos de limpeza. Foi durante o desenvolvemento destas tarefas cando os comuneiros de Campañó destaparon de entre a broza unha construción singular no alto do monte da Tomba.
Segundo o arqueólogo municipal, Xoan Carlos Castro, este conxunto de pedras labradas e dispersas podería pertencer a unha atalaia defensiva da entrada da ría, que podería conformar a complementaria da fortaleza de Cedofeita, en Lérez "coa que manteñen un contacto visual".
ÿ demasiado pronto como para datar estes restos pero unha primeira hipótese apunta a que esta torre de vixilancia podería ter unha orixe medieval, sendo o seu obxectivo a defensa dos lindes do arzobispado.
"A súa existencia xa era coñecida pero a maior sensibilización que existe agora soubo darlle máis valor a estes achados", explica o presidente da Comunidade de Montes, José María Domínguez.
O Concello e a Comunidade de Montes de Campañó iniciaron un proceso de estudo e catalogación dos vestixios, uns traballos nos que contarán coa colaboración da Deputación provincial.
José María Domínguez adiantou que as rutas de sendeirismo que organiza a Comunidade de Montes de Campañó serán agora modificadas para vincular este achados con outras covas localizadas polos veciños como son "A pedra Redonda" e "A pedra da Campá".
O concelleiro de Patrimonio histórico, Luís Bará, vinculou estes achados coas xornadas de Patrimonio que conseguiron impulsar un labor de identificación e catalogación do patrimonio cultural da parroquias. Bará citou como froitos desta implicación das Comunidades de Montes outros achados recentes coma un petroglifo no Castrove, unha mámoa en Mourente ou dous petroglifos en Lourizán.