A Policía Local de Pontevedra identificou o pasado 27 de abril a dous homes de 34 e 37 anos como supostos autores de varios furtos en tendas de roupa e un supermercado da cidade que terían cometido utilizando unha bolsa preparada para eludir as alarmas antirroubo dos establecementos.
Ademais de ser localizados en posesión da roupa e a comida presuntamente substraídas, interviñéronlle un arsenal de ferramentas das utilizadas habitualmente para cometer roubos con forza, se ben non se lle atribuíu a comisión de ningún delito desta tipoloxía.
Os feitos aconteceron sobre as 21.00 horas. Unha patrulla da Policía Local detectou un turismo Volvo que levantou as súas sospeitas porque circulaba a moi escasa velocidade pola zona das Corbaceiras e parecía que estaba a realizar tarefas de observación e vixilancia.
Os axentes comezaron a seguir ao vehículo, que mantivo esta actitude vixiante das rúas polas que circulaba en dirección a Jofre de Tenorio. Nesta rúa mesmo deu dúas voltas á mesma rotonda antes de dirixirse cara a Pilar Bértola e deter a circulación. Ante a sospeita de que os dous ocupantes do vehículo puidesen ter intención de cometer algún feito delituoso, os policías déronlle o alto.
Cando os axentes se achegaron ao Volvo, os seus dous ocupantes negáronse a colaborar con eles, realizando xestos cos que trasmitian aos policías que non entendían o que lles estaban a dicir. Finalmente, a patrulla realizou un rexistro superficial do vehículo e confirmou que os dous homes tiñan algo que ocultar.
Colleron nun supermercado azucre, queixos, paleta curada, xamón, deterxente ou pasta de dentes
Tres pantalóns vaqueiros coa alarma sen retirar valorados en 90 euros e unha bolsa dun supermercado con azucre, queixos, paleta curada, xamón, deterxente ou pasta de dentes. Este foi o primeiro botín que encontraron os axentes, juto a un bolso forrado con aluminio e celofán de tal maneira que introducindo no interior calquera obxecto podían chegar a eludir que saltase a alarma de tendas ou supermercados.
As primeiras indagacións policiais levaron aos axentes a identificar os dous ocupantes do turismo como supostos autores dun delito de furto que terían cometido escondendo no bolso 'tuneado' os obxectos a furtar. Dentro do turismo os axentes tamén localizaron un completo arsenal de ferramentas como patas de cabra, baetas, luvas ou desaparafusadores, ferramentas usadas habitualmente para cometer roubos en vivendas.
Logo da súa identificación e a intervencion de todos os obxectos e ferramentas localizados no coche, os axentes puxeron os dous individuos a disposición da Policía Nacional. Trátase de dous homes de orixe estranxeira de 34 e 37 anos con antecedentes policiais por delitos contra o patrimonio.