Uns dous mil venezolanos chegaron a Pontevedra nos últimos dous anos

Pontevedra
03 de agosto 2019

A edil de Benestar Social, Paloma Castro comprométese con Asovedra a facilitarlles unha sede social na Casa Azul e a que se axilicen os trámites burocráticos que permiten ao colectivo "iniciar unha nova vida na cidade"

Reunión da concelleira Paloma Castro coa asociación Asovedra
Reunión da concelleira Paloma Castro coa asociación Asovedra / Concello de Pontevedra

En base aos datos que baralla a Asociación de Venezolanos en Pontevedra (Asovedra), uns 2.000 cidadáns procedentes do país sudamericano chegaron ao concello nos últimos dous anos, unha realidade que puxo o foco das entidades da Redeaxuda en axudar ás familias desta cada vez máis numerosa comunidade.

Este foi o motivo que levou á concelleira responsable de Benestar Social, Paloma Castro, a convocar para este venres unha entrevista cos membros da directiva deste colectivo, aos que decidiu extender a absoluta colaboración por parte do seu departamento e ofrecerlles tanto a súa integración no grupo de entidades que conforman a Redeaxuda como a posibilidade de contar cunha sede social na Casa Azul (actualmente reúnense nun restaurante da capital).

Ao encontro, que tivo lugar la Sala de Xuntas do Concello, asistiu o presidente de Asovedra, Guillermo García, acompañado polo vicepresidente da asociación, Bernardo Gamallo, a súa secretaria, Mónica Brenna, e o voceiro de tesourería, Álvaro Carregal.

García calificou a reunión como "moi productiva, xa que se falou dun punto clave para nós, que é o de facilitar a situación dos venezolanos que chegan a Pontevedra e queren incorporarse á súa nova vida na cidade". "Recibimos toda a colaboración que esperabamos do Concello", apuntou.

Para a concelleira de Benestar Social, "despois das conversas mantidas coas entidades da Redeaxuda e das tremendas cifras de inmigrantes venezolanos, quedou claro que era indispensable iniciar axudas concretas para este colectivo". Tal e como lles avanzou, dentro das competencias municipais, a socialista fará "tódalas xestións que sexan necesarias para axilizar ao máximo os trámites burocráticos que lles permiten aos recén chegados comezar unha nova vida, entre outros o de empadroamento".

"Queremos que vexan que Pontevedra é unha cidade que os recibe cos brazos abertos, que quere integralos na súa vida e que os arroupa", subliñou a socialista.

Os voceiros de Asovedra, que recibiron con entusiasmo a posibilidade de contar cun local social propio na Casa Azul e de integrarse na Redeaxuda, aproveitaron a ocasión para recordar que todos aqueles venezolanos que precisen unha man poden poñerse en contacto con eles a través do teléfono 647 257 262 ou do correo electrónico [email protected].