A Universidade de Vigo celebra o Día Mundial da Vida Silvestre con actividades en Pontevedra, Vigo e Ourense

Pontevedra
17 de marzo 2025
Actualizado: 12:38

En Pontevedra, o martes 18 de marzo, terá lugar un paseo científico interxeracional, entre as 10:00 e as 12:00 horas, pola ruta fluvial do río Gafos, prestando especial atención aos liques

Participantes nunha edición anterior do Bioblitz da Universidade de Vigo
Participantes nunha edición anterior do Bioblitz da Universidade de Vigo / DUVI

Este mes de marzo, a Universidade de Vigo (UVigo) organiza diversas accións divulgativas para conmemorar o Día Mundial da Vida Silvestre. O obxectivo é promover a conciencia ambiental e a importancia da biodiversidade a través de paseos interxeracionais e obradoiros científicos.

As actividades terán lugar en Pontevedra, Vigo e Ourense e forman parte do Plan de Ciencia de ida e volta da Unidade de Cultura Científica e da Innovación da Universidade de Vigo, que se desenvolve co financiamento da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT) - Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades.

PONTEVEDRA: PASEO CIENTÍFICO INTERXERACIONAL

En Pontevedra, o martes 18 de marzo, terá lugar un paseo científico interxeracional entre as 10:00 e as 12:00 horas pola ruta fluvial ao carón do río Gafos.

O obxectivo é fomentar a aprendizaxe e a conexión co medio natural, prestando especial atención aos liques, a través da exploración dos ecosistemas naturais do río.

Esta actividade, que contará coa colaboración do alumnado do Programa Universitario de Maiores, busca ademais promover un espazo de intercambio entre distintas xeracións, onde as persoas de diferentes idades poidan entrar en contacto, compartir experiencias e reflexionar xuntas sobre a importancia da conservación da natureza.

O paseo incluirá unha charla informativa sobre os liques (10:00 horas), ruta polo paseo fluvial a carón do río Gafos (10:15 horas) e unha actividade lúdica de peche (11:30 horas).

As guías serán Alba Yánez Ayabaca, estudante de doutoramento do programa Ecosistemas terrestres, uso sustentable e implicacións ambientais da Universidade de Vigo; e Graciela Paz, docente da Escola de Enxeñaría Forestal e investigadora especializada en liques. Ambas compartirán os seus coñecementos para enriquecer a experiencia do grupo.

Cartel da conmemoración do Día Mundial da Vida Silvestre na Universidade de Vigo
Cartel da conmemoración do Día Mundial da Vida Silvestre na Universidade de VigoDUVI

VIGO: BIOBLITZ NO CAMPUS

O 27 de marzo, o campus da UVigo en Vigo acollerá un bioblitz, que é unha competición na que as persoas participantes deberán localizar, fotografar e identificar o maior número posible de especies do ecosistema en un tempo determinado.

Nesta proposta, aberta á cidadanía, pódese participar de xeito individual ou en grupos de ata cinco integrantes. As prazas son limitadas a 50 participantes, polo que é necesario facer a reserva de entradas.

A actividade estará guiada por persoas voluntarias de MycoGalicia Plantae, que ensinarán técnicas para facer unha observación responsable e informada de plantas e animais empregando a aplicación móbil iNaturalist, que permite tomar e identificar fotografías xeorreferenciadas.

Entre as 10.30 e as 11.00 horas haberá unha explicación teórica na que se explicarán técnicas para facer unha observación responsable e informada de plantas e animais empregando a aplicación. A continuación, realizarase a exploración.

Ás 13.00 horas terá lugar o reconto de especies e a entrega de premios para aqueles grupos que logren un maior número de observacións cualificadas. A actividade rematará sobre as 13.30 h.

OURENSE: OBRADOIROS E ROTEIROS CIENTÍFICOS

En Ourense, a celebración do Día Mundial da Vida Silvestre incluirá obradoiros sobre a diversidade do solo e roteiros científicos.

Persoal investigador do Grupo de Ecoloxía Animal impartirá obradoiros interactivos para alumnado de centros escolares, ensinándolles a diferenciar os microorganismos do chan e a súa importancia para a saúde e fertilidade do mesmo.

Ademais, o día 20 de marzo, terá lugar un roteiro científico interxeracional na contorna do río Miño, no que participará a Oficina de Medio Ambiente e alumnado de Ciencias Ambientais e do Programa Universitario de Maiores.

Arquivado en