Universidade de Vigo e Concello unen forzas polo medio ambiente

Pontevedra
27 de setembro 2019

As dúas institucións acordaron cooperar estreitamente para poñer en valor o 'cinto verde' e os leitos fluviais da cidade

Yoya Blanco, Tino Fernández e Iván Puentes antes de reunirse coa Universidade de Vigo
Yoya Blanco, Tino Fernández e Iván Puentes antes de reunirse coa Universidade de Vigo / Concello de Pontevedra

A Casa das Campás foi escenario este venres dunha reunión entre responsables da Universidade de Vigo e do Concello de Pontevedra na que se asentaron as bases dun acordo que lles permitirá unir forzas na loita contra o cambio climático.

Esta cooperación centrarase en poñer en valor o cinto verde e os leitos fluviais da cidade, explicaron desde o goberno local.

No encontro participaron o vicerreitor do campus de Pontevedra, Jorge Soto; o director do Green Campus, Carlos Souto; o director de Infraestruturas da universidade, José María Cancelas; e os concelleiros Yoya Blanco, Tino Fernández e Iván Puentes.

Segundo precisou Puentes, na reunión falouse sobre o desenvolvemento do convenio marco asinado entre ambas as institucións e da posibilidade de concretalo en convenios específicos que permitan a colaboración en materia deportiva, en consumo e comercio e tamén na promoción da propia universidade e do campus.

Ademais reafirmouse o apoio sen fisuras a un proxecto como o do Green Campus que "nos sitúa como referente a nivel estatal", sinalou o edil pontevedrés.