Unión da hostalería galega para alzar a voz por un rescate

Pontevedra
29 de xaneiro 2021

Hostaleiros de Pontevedra participaron este venres, xunto a empresarios de toda Galicia, nunha manifestación polas rúas de Santiago para reclamar á Xunta un paquete de medidas que impida a quebra do sector. A xornada serviu tamén para anunciar a creación da primeira Federación da Hostalería Galega

Manifestación de hostaleiros de toda Galicia polas rúas de Santiago para pedir un rescate
Manifestación de hostaleiros de toda Galicia polas rúas de Santiago para pedir un rescate / Hoempo

A unión fai a forza. Iso di o refrán e iso pensaron os integrantes do atomizado tecido asociativo da hostalería galega que, aproveitando a multitudinaria marcha que tivo lugar esta mañá fronte á sede da Xunta para reclamar outra vez un rescate para o sector, acordaron unir as súas forzas e formar un único colectivo autonómico que exerza como interlocutor nas negociacións coas diferentes administracións para desbloquear medidas de apoio que permitan superar a crise. 

"Precisamos dunha unidade para elaborar alternativas á actual situación e poñer en valor as que xa hai elaboradas", recolle o documento fundacional, no que se presentan como unha ferramenta que velará polos intereses das empresas hostaleiras de todo o territorio autonómico. Aínda que esperan que a súa vixencia vaia máis aló desta crise, a súa principal misión é salvar un sector que navega á deriva, especialmente as empresas do lecer nocturno, as de aloxamento ou os pequenos bares que viven do servizo en barra.

O seu obxectivo inmediato será o de actualizar o plan de rescate presentado no mes de novembro e facer saber a toda a cidadanía que "as axudas non son a solución, son un punto máis da nosa proposta", puntualizan para criticar "a nefasta xestión e falta de iniciativa" da Xunta.

A creación desta plataforma en defensa da hostalería de Galicia será tamén o xerme dunha futura Federación de Hostalaría Galega. A intención do sector é convocar unha asemblea constituínte nun prazo non superior a tres meses. Este novo organismo terá a función de xestionar, defender e coordinar os intereses comúns do sector en calquera ámbito, tanto nacional como internacional, e sempre "priorizando ou beneficio colectivo sobre ou individual".

Con este espírito de irmandade, hostaleiros chegados de todos os puntos de Galicia en representación de vinte e tres asociacións locais, Hoempo entre elas, marcharon polas rúas de Santiago de Compostela ata chegar á sede da Xunta. Con pancartas nas que podía lerse "hostalería somos todos", centos de empresarios reclamaron o rescate do sector ao executivo autonómico.