Unidade política en Poio para defender o uso público do Ateneo de Combarro

Poio
24 de febreiro 2021

Todos os grupos políticos con representación na Corporación de Poio apoiaron unha moción presentada polo PP. O Concello confirma o seu compromiso á hora de explorar todas as vías legais posibles para conseguir que o Ateneo poida ser gozado pola veciñanza, tal e como viña sucedendo desde hai preto de medio século 

Pleno de Poio do 23 de febreiro
Pleno de Poio do 23 de febreiro / Concello de Poio

Todos os grupos políticos con representación na Corporación de Poio amosaron a súa unión para defender o uso público do Ateneo de Combarro. Todos apoiaron unha moción presentada polo PP a raíz do intento dun particular de poñer á venda o inmoble. 

A moción, na que os integrantes do Goberno local presentaron enmendas,  aprobouse por unanimidade no Pleno celebrado na noite deste martes e busca garantir que a Casa do Ateneo siga estando a disposición dos veciños.

Coa súa aprobación, a clase política de Poio non amosa fisuras neste tema e o Concello confirma o seu compromiso á hora de explorar todas as vías legais posibles para conseguir que o Ateneo poida ser gozado pola veciñanza, tal e como viña sucedendo desde hai preto de medio século.

A Corporación apoiou continuar co proceso para manter ese uso público e informar puntualmente ao tecido asociativo e á veciñanza sobre os pasos e avances que se vaian conseguindo.

Unha das vías a cubrir por parte dos dirixentes municipais ten que ver coas institucións. Neste sentido, tanto o BNG como o PSOE e Avante Poio inciden na necesidade de dirixirse á Subdelegación do Goberno en Pontevedra, ao Ministerio de Cultura e á Dirección Xeral de Patrimonio do Estado para solicitar toda a documentación relativa ao proceso de expropiación do Ateneo, que se iniciou a principios da década dos anos 70. Esta circunstancia recóllese na enmenda presentada polo tripartito á moción do PP.

Ademais, o Concello trasladou ao Catastro unha solicitude para que modifique o uso do Ateneo na súa ficha catastral. O concelleiro de Facenda e Patrimonio, Xulio Barreiro, lembrou durante o Pleno que nesa documentación o inmoble aparece definido como 'vivenda e almacén', cando, en realidade, trátanse dunhas dependencias que só poden ser de uso sociocultural, tal e como figura no Plan Especial de Protección de Combarro, aprobado a principios do século XXI, e que define a utilización de todos os bens e equipamentos que forman parte do casco histórico da parroquia.

Barreiro (BNG) recordou tamén que esta non é a primeira xestión que realiza o Concello para dirimir a titularidade deste inmoble anexo ao edificio central. Así, en 2017 xa se lle dera traslado ao Ministerio de Cultura dunha petición para que trasladase información sobre esta cuestión, sen obter resposta.

O concelleiro de Urbanismo, Gregorio Agís (PSOE), e a edil de Participación Veciñal, Silvia Díaz (Avante) fixeron fincapé na importancia de clarificar se a expropiación iniciada nos anos 70 se consumou. "Todos coincidimos, de xeito unánime, na importancia de facer o que estea nas nosas mans para garantir que a veciñanza poida seguir gozando deste histórico inmoble", sinalaron.

O portavoz do PP, Ángel Moldes, criticou que este Pleno foi a primeira vez que este tema tan importante se trata na Corporación de Poio e cuestionou tamén que o goberno local iniciou hai máis dun ano contacto co propietario e nunca antes informou sobre este asunto no Pleno ou nunha comisión.

O texto da moción do PP pide ao tripartito valorar legalmente o expediente para estudar se existe algunha maneira de reter o inmoble para o uso público e facer valer o dereito da veciñanza sobre o edificio.

O pasado 4 de xaneiro o Catastro procedeu a modificar a titularidade de propiedade, logo de que un particular se identificase como suposto propietario destas dependencias, para, posteriormente, poñelas á venda.