Todas as comisarías da Policía Nacional de España teñen unha Unidade de Participación Cidadá, integrada por expertos co labor de coñecer os problemas e as inquietudes no ámbito da seguridade que afectan a sociedade e formar e informar á poboación en cuestións de seguridade. En Pontevedra, a tarefa recae en tres mulleres, a inspectora Maite Pantín á fronte e as policías Olalla Ríos e Miriam Núñez.
Son a única unidade policial pontevedresa formada integramente por mulleres, aínda que a súa responsable destaca que foi "casualidade". Por distintos motivos, os anteriores responsables trasladáronse e renovouse o equipo. Olalla xa estaba no anterior e Maite e Miriam incorporáronse despois do verán. Asegura estar aínda "póndose ao día", aínda que xa empezaron a implantar novos proxectos.
Estas unidades actúan como vaso comunicante entre a sociedade e a Policía. "Facemos de enlace entre a sociedade e a policía", resume a súa máxima responsable pontevedresa, anteriormente á fronte da UFAM, a Unidade de Familia e Muller (UFAM) da Comisaría Provincial.
Este labor esencial lévaas a manter contactos continuos con todos os colectivos da cidade e ten paradas a diario nos centros educativos. O día que facemos esta entrevista, Olalla e Miriam teñen unha dobre sesión no colexio Villaverde de Mourente.
Así, o labor que máis transcende desta unidade é a súa participación no Plan Director para a convivencia e mellora da seguridade nos centros educativos e as súas contornas, que as leva a dar charlas sobre as principais problemáticas de seguridade detectadas nos colexios para toda a comunidade educativa, desde alumnado a profesorado, orientadores, educadores ou familias.
Cada curso ofrecen aos colexios pontevedreses o catálogo de charlas dispoñibles e este ano "foi un aluvión de solicitudes" e "case todos os colexios e institutos de Pontevedra solicitaron", ademais das ANPAS. A xuízo de Maite Pantín, esta elevada demanda implica que é un programa "ben recibido" e significa tamén que "é unha unidade que ten un labor importante".
As máis demandadas son, nestes momentos, os riscos actuais vinculados coas novas tecnoloxías, desde as adiccións á violencia de xénero, o ciberacoso ou o bullying, que son xusto "os que detectamos que provocan maiores problemas nos centros escolares".
Particularmente, detecta que agora mesmo hai nos colexios problemas coas novas tecnoloxías porque "é moi fácil, baseándonos no anonimato, acosar, atentar contra a intimidade" e tamén "vexacións, insultos, ameazas, pelexas". Insiste Maite Pantín en que "tampouco é unha cousa en Pontevedra desmesurada, pero si que se nota". Non houbo "grandes casos", pero si problemas.
Este curso están a implantar, como unha desas novas ideas da unidade, charlas para alumnado de máis curta idade, de educación infantil, ao que dan "pequenas nocións" para que coñeza en que consiste o traballo policial, cal é a súa uniformidade ou como chamar ao 112 ou dirixirse á Policía se teñen algún problema. "Son moi moi agradecidas", aseguran, e inclúen unha exposicion sobre o traballo policial.
Nos centros educativos tamén está a cultivar moito éxito o curso de Ciberexpert@
Traballan, por tanto, todos os niveis educativos, de infantil a secundaria e tamén acoden a citas co sector como Edugal ou ás xornadas de orientación que organizan algúns institutos, para dar a coñecer o traballo policial e a súa saída laboral.
As claves desta unidade son o diálogo e a prevención. "Traballamos a prevención a través da información que se lles facilita e a través destas charlas e de cursos e orientación", explica a inspectora, que engade que entre os labores de Participación Cidadá figuran "moitísimos outros plans" como o Plan Maior, que imparte charlas en centros de maiores ou de educación de adultos.
Tamén nesta vertente do seu traballo as novas tecnoloxías acaparan a maior parte da actividade, con formacións sobre os novos métodos de estafas, autoprotección, o uso que levan en Internet para realizar compras e, en xeral, "saber detectar cales son os riscos" e evitar ser vítimas.
O Plan Turismo Seguro, o de Comercio Seguro que agora se incrementará de face ao Nadal e as súas aglomeracións, o de Lecer Seguro ou a campaña Non Camiñas Soa para dar seguridade ao Camiño de Santiago completan as súas funcións neste campo. En todas, a forma de actuar é a mesma, información e contacto coa sociedade. Acoden aos colectivos, facilítanlles información e dípticos divulgativos e escoitan as súas demandas.
Prevención e tamén escoita activa, pois de todo ese contacto cos distintos colectivos sempre xorden informacións como, por exemplo, "si nun barrio estase traficando con estupefacientes" ou "si houbo algún problema de bullying ou algún problema de acoso nos arredores do colexio". Toda esa información trasládanlla ás unidades especializadas en cada un deses delitos, que, desta forma, poden actuar ou investigar.
Desa información que chega a Participación Cidadás saen máis charlas para tentar atallar o problema detectado e tamén medidas policiais como maior presenza de patrullas nunha determinada zona. E permiten detectar as principais inquietudes da sociedade, que agora mesmo, como detectan tamén en colexios ou cos maiores, son "todos os riscos que levan as novas tecnoloxías".
Realizan, por tanto, un labor "fundamental" coa prevención. Desde a súa experiencia á fronte da UFAM, asegura que a través destes contactos cos distintos colectivos chegoulle "moitísima información" e tamén que conseguen que a poboación os vexan "máis próximos", o seu labor social, de prevención e sensibilización, de "procurar que a convivencia entre todos sexa o mellor".
Toda aquela persoa ou colectivo que poida contactar con estas tres profesionais, tan só ten que dirixirse á Comisaría e preguntar directamente pola Unidade de Participación Cidadá e o seu correo electrónico.