Unidade de acción para facer fronte á "inxustiza" do peche de Abanca en Portas

Umia
29 de agosto 2021

O alcalde Ricardo Martínez explicoulle nunha xuntanza a comerciantes, representantes de colectivos veciñais, culturais, deportivos e sociais a decisión da dirección da entidade crediticia de deixar o municipio sen servizo bancario. Van instalarse pancartas reivindicativas e, ademais, estúdase a convocatoria dunha concentración contra o peche da oficina

Xuntanza do alcalde Ricardo Martínez con representantes veciñais para adoptar medidas contra o peche de Abanca
Xuntanza do alcalde Ricardo Martínez con representantes veciñais para adoptar medidas contra o peche de Abanca

Ricardo Martínez, alcalde de Portas, mantivo un encontro de urxencia con comerciantes e membros de colectivos veciñais, culturais e deportivos do municipio. Durante esta reunión expuxo a información facilitada polos representantes sectoriais de Abanca anunciando a decisión irrevogable da dirección da entidade bancaria de pechar a única sucursal existente no municipio.

O rexedor sinalou que todas as forzas políticas da Corporación uníronse para iniciar accións coordinadas de protesta ante esta decisión que se iniciarán despois do pleno previsto para este martes 31 de agosto, que foi convocado de urxencia para tratar este peche. Nese pleno aprobarase un decálogo de repulsa fronte á medida do peche que se fará efectivo o mércores 22 de setembro deste ano.

Os asistentes consideraron moi negativo para o futuro do municipio esta decisión da empresa bancaria do mesmo xeito que sucede noutros municipios do rural ata o punto de que a sucursal de Portas era utilizada tamén por residentes noutros concellos como o de Caldas de Reis.

Martínez pediu unidade de acción para facer fronte a esta medida que considera unha "inxustiza" e sinalou que manterá contacto con outros alcaldes de concellos afectados para coordinar medidas de presión co obxectivo posto en reverter a situación. 

Avanzou que, en caso de pecharse a sucursal, a decisión dos grupos políticos da Corporación Municipal irá encamiñada a pechar tamén as contas municipais en Abanca e buscar outra entidade ou un axente bancario onde depositar o diñeiro sempre que se estableza no municipio. Nesta mesma liña, pediu o apoio de comerciantes e colectivos sociais para facer presión.

Desde o goberno local está previsto instalar varias pancartas reivindicativas no Consistorio, en edificios municipais e en zonas destacadas do municipio. Tamén se convocarán accións de protesta consensuadas no pleno do martes e estúdase a realización dunha concentración de repulsa ante a oficina bancaria.