Unhas xornadas contra o relato que branquea a imaxe da ditadura e a súa herdanza

Pontevedra
27 de novembro 2021

A Deputación de Pontevedra puxo o foco das 'III Xornadas contra a impunidade' na importancia da restitución das vítimas da represión económica do franquismo  

III Xornadas contra a impunidade
III Xornadas contra a impunidade / Deputación de Pontevedra

A Deputación de Pontevedra puxo o foco das 'III Xornadas contra a impunidade' na importancia da restitución das vítimas da represión económica do franquismo.

Tamén situou no centro do debate como as empresas afíns ao réxime se beneficiaron durante a ditadura e permanecen hoxe en democracia con reputación e fortuna intactas, relatou espolios locais a pequenos negocios de persoas non afectas na comarca de Pontevedra, e analizou como o NODO representaba unha imaxe de Galiza 'tipista' e folclorista co ánimo de lexitimar ao caudillo.

A deputada de Memoria Histórica María Ortega, organizadora das xornadas, deu a benvida subliñando que o obxectivo da cita é acabar coa impunidade que seguiu amparando os delitos do franquismo trala morte de Franco.

"O noso compromiso absoluto con esta loita convértenos nunha institución pioneira dentro da administración do país e o Estado. E non debería ser así", subliñou.

A nacionalista destacou que a loita contra a impunidade "ten un inimigo peor que o silencio, o relato falso, un relato intencionado para branquear a imaxe da ditadura e a súa herdanza", que no día de hoxe se puxo en evidencia cos relatorios do escritor Antonio Maestre, o historiador Xosé Álvarez Castro e a antropóloga Beatriz Busto.

Segundo Ortega, as xornadas, ao analizar a presencia no IBEX 35 das empresas que se lucraron co traballo escravo e o apoio a unha ditadura xenocida; ao evidenciar que coa xefatura de Estado a monarquía borbónica herdou tamén as maneiras corruptas do ditador; ou ao poñer na mesa a complicidade da Igrexa Católica coa represión, "non facemos máis que cumprir o mandado que nos fai a legalidade internacional: verdade, xustiza e reparación para as vítimas e as súas familias".

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, subliñou na súa intervención que dedicar unhas xornadas a analizar cuestións como o enriquecemento de certas empresas afíns, moitas delas galegas, ou poñer o foco sobre a corrupción e o enriquecemento ilícito, amais do espolio cultura e o roubo decotío por parte do franquismo, "supón un esforzo valente e necesario".

O rexedor municipal insistiu en que é preciso non esquecer que o franquismo soubo xerar e sustentar unha represión económica sistemática contra certas familias do bando republicano, "un xeito de facer dano terríbel, de impedir medrar, de impedir vivir e que supuxo un drama estendido no tempo".

"Se xa lle foi negada a condición de vítimas a todos aqueles que sufriron violencias físicas, que non houbo proceso penal contra eses criminais fascistas, cómpre dicir que este tipo de represión é aínda máis descoñecida para o presente e as súas xentes", salientou.

Este sábado está prevista a intervención de Rebeca Quintáns, profesora e escritora autora de 'Juan Carlos I. La biografía sin silencios' Xosé Ramón Rodríguez Lago, que falará sobre 'Igrexa e ditadura da estreita alianza ao suposto despegue' de Araceli Freire, que trarará 'Resistir, sobrevivir e loitar polo común nunha longa noite de pedra', para dar paso despois a unha mesa redonda con Carlos Babío, Paqui Maqueda e Susana Sánchez Aríns, que intercambiarán experiencias sobre as súas herdanzas.

Pola tarde visitarase o Val Miñor para coñecer o campo de concentración que houbo no Mosteiro de Oia e 'A Volta dos Nove' en Baiona.