Unhas festas inclusivas: horario ampliado sen ruído, sala de lactación e baños adaptados

Pontevedra
10 de agosto 2024

Ademais, como en ocasións anteriores, nas Festas da Peregrina as persoas con mobilidade reducida poderán seguir os concertos da Ferrería e da Praza de España dende as plataformas habilitadas e mantense a tradución en tempo real a lingua de signos durante o pregón

Aseos instalados na Alameda, sala de lactanción e novo equipamento para persoas con mobilidade reducida
Aseos instalados na Alameda, sala de lactanción e novo equipamento para persoas con mobilidade reducida / PontevedraViva

O Concello de Pontevedra avanza nas medidas relacionadas coa accesibilidade e a inclusión para garantir "ter unhas festas para todos e todas", indicaba na súa comparecencia o edil de Festas, Demetrio Gómez Junquera. 

Como en ocasións anteriores, nas Festas da Peregrina as persoas con mobilidade reducida poderán seguir os concertos da Ferrería e da Praza de España dende as plataformas habilitadas. Tamén se mantén a tradución en tempo real a lingua de signos durante o pregón.

A maiores, para as festas deste ano, o Concello de Pontevedra achega varias novidades.

En primeiro lugar, o aumento dunha hora, de 17.00 a 19.00 horas, o tempo que as atraccións ambulantes da contorna da Alameda estarán sen música, pensando nas persoas con trastorno do espectro autista (TEA).

Do mesmo xeito, a Batalla de Flores comezará sen música e outros sons de alto volume dende a súa saída até a rotonda da Pasarela, que une as rúas Loureiro Crespo e avenida de Lugo.

Outra das medidas anunciadas é que os aseos instalados na Alameda incluirán unha sala de lactanción para uso da veciñanza.

Estes mesmos aseos contarán cun novo equipamento, á mesma altura que o chan, para permitir un acceso máis cómodo para persoas con mobilidade reducida.

O concelleiro indicaba que a incorporación desta estancia anexa débese a que, malia que os aseos públicos contan cunha rampla de acceso, había un elemento insalvable para unha cadeira de rodas: os protectores do cableado que, por normativa, teñen que ter un "pasacabos" homologado e dunha determinada altura.