Unhas Festas de Verán nas que "non haberá parada" en Pontevedra

Pontevedra
21 de xuño 2022

Nos meses de xullo e agosto "non haberá parada" na cidade de Pontevedra. É a festiva advertencia que realizou este martes o goberno municipal. Chegan as Festas de Verán máis esperadas. As primeiras que retoman a normalidade organizativa tras a pandemia. Farano, segundo destacou a edil de Festas, Carme da Silva, cunha programación "moi intensa e variada"

Presentación das Festas de Verán 2022
Presentación das Festas de Verán 2022 / PontevedraViva

Nos meses de xullo e agosto "non haberá parada" na cidade de Pontevedra. É a festiva advertencia que realizou este martes o goberno municipal. Chegan as Festas de Verán máis esperadas. As primeiras que retoman a normalidade organizativa tras a pandemia.

Farano, segundo destacou a edil de Festas, Carme da Silva, cunha programación "moi intensa e variada", apostando por unha dobre diversidade, tanto en actividades como en espazos. Haberá ciclos festivos nunha vintena de ámbitos urbanos de Pontevedra.

Nas Festas de Verán de 2022 estarán presentes tanto clásicos da programación que, nesta ocasión, recuperan o seu formato habitual, entre eles o Festival de Jazz; como propostas que naceron nos dous últimos anos e que "se manteñen con forza", apuntou Da Silva.

"É un verán que chega con moitas ganas de alegría e de contacto humano", sinalou a responsable da área de Festas, que explicou que a programación concreta das Festas da Peregrina, entre os días 13 e 21 de agosto, presentarase en próximas datas.

As Festas de Verán arrancarán xa este xoves co festival Surfing the Lérez, ao que lle seguirá outro ciclo presentado hai uns días, Ambienta 2022, a Mostra Internacional de Cinema LGBTIQA+ de Pontevedra, do 27 de xuño ao 1 de xullo na Praza da Pedreira.

O convento de Santa Clara incorporarase como espazo ás festas estivais coa terceira edición do Festival de Cámara Cidade de Pontevedra, que ofrecerá os concertos de Rhea (2 de xullo) e o dúo Karolina Mikoł ajczyk & Iwo Jedynecki (3 de xullo).

Do 5 ao 8 de xullo regresará o Animatrón ao Parque das Palmeiras, con obradoiros diferentes cada día, pensados para un público infantil e as actuacións de Home Orquestra, Tarabelos Títeres ou Truque Matruque, entre outros.

A Festa dos Libros, que reunirá a doce librerías da cidade e a numerosos autores na Praza da Ferrería, celebrarase entre os días 8 e 10 de xullo, xusto antes da romaría de San Bieito de Lérez, que recuperará a mexilloada popular a beiras do río Lérez. 

As prazas de Santa María e José Martí serán o escenario do ciclo Música de Bandas cos concertos da Banda de Música Xuvenil de Salcedo e a Banda Infantil da Agrupación Músico Cultural de Ribadumia (9 de xullo), a Banda de Música de Salcedo e a Banda de Música Unión de Lantaño (16 de xullo) e, de novo, a Banda de Música de Salcedo (23 de xullo).

Outra das propostas que recupera o seu formato será o Memorial Ricardo Portela que, na súa edición número 23, homenaxeará a Maruxa Miguéns e Xosé Romero. Será do 15 ao 17 de xullo na Praza da Ferrería e, entre outras actividades, actuarán Carapaus e Caamaño & Ameixeiras.

Cun marcado protagonismo feminino, Pontevedra gozará de novo do Festival Internacional de Jazz e Blues, que volve á Praza da Ferrería. Jeffery Davis (20 de xullo), Andre B. Silva (21 de xullo), Andrea Motis (22 de xullo), Ida Nielsen (23 de xullo) e Samantha Fish (domingo 24) serán os artistas que actuarán nesta vixésimo oitava edición.

As Festas de Santiaguiño do Burgo (22 ao 26 de xullo) con verbenas nocturnas, pasacalles e celebracións relixiosas compartirán días co Festixeve (21 ao 24 de xullo), que regresa ao campo de Vilar de Fragoso cun concerto de Ses (23 de xullo) como gran atractivo.

Urbana Monte Porreiro, un dos ciclos máis exitosos xurdidos das festas 'pandémicas', mantense na programación das Festas de Verán cos concertos de Deus Ke Te Crew (27 de xullo), Ladilla Rusa (28 de xullo), Son da Rúa (29 de xullo) e Marc Seguí (30 de xullo).

Xullo chegará ao seu fin co programa Cinema e Estrelas, que proxectará cinco filmes na Praza da Pedreira: Jojo Rabbit (27 de xullo), Libertad (28 de xullo), Parásitos (29 de xullo), Érase unha vez en… Hollywood (30 de xullo) e Mamma Roma (31 de xullo).

Trebellando na Alameda, o ciclo infantil de teatro, música e maxia; e as Noites de Monólogo nas pistas de Campolongo, con Luís Zahera, David Amor, Carlos Blanco, Xosé Antonio Touriñán e Marta Doviro abrirán o segundo mes de festas, entre os días 1 e 5 de agosto.

Á Praza de España chegará Galicia Ilusiona co espectáculo de maxia e escapismo de Víctor Cerro (2 de agosto), mentres que Itineranta, que cumpre once anos, percorrerá as prazas do centro histórico do 3 ao 5 de agosto con espectáculos de animación de dez compañías: Troula Animación, Cía Sin Fin, Yera Teatro, Animarts, Zanguango Teatro, Ale Hop, La Fam, Hortzmuga Teatros & Deabru Beltzk, Nacho Villas & Yllana e Soun de Secá.

O parque fluvial do Gafos é o lugar elixido para o Senda Festival 2022 de música electrónica, no que actuarán Mind Enterprise, Supernatural Project, Russ e Fiuza (5 de agosto) e Simona, Alex Bassian, Baldman, Topanaga Kiddo, Certain People, Sebastian Black e Azakie (6 de agosto).

Tomará o seu relevo o ciclo Con Voz de Muller, na Praza da Ferrería, cos concertos de Pongo (6 de agosto), Guadi Galego (8 de agosto), De Vacas (9 de agosto) e Ginebras (10 de agosto), a representación de A síndrome de Lis (7 de agosto) e pasarrúas con Somdolilá e Brassica Capa.

Xusto antes das Festas da Peregrina chegará O Son do Local, coas actuacións de bandas pontevedresas como Hainas e Odiosos 5 (9 de agosto), La Mosca Valiente e Flip Corale (10 de agosto) e Black Hole e MKP + Pelexa de galos (12 de agosto); ou o Aquí Cántase, que será o 12 de agosto con Maravallada e Treboada do Baixo Miño.

A feira de artesanía e deseño Chalana (do 20 de xullo ao 7 de agosto) no Paseo Antonio Odriozola e a Festa do Demo (23 de agosto) serán outras das actividades destas Festas de Verán, que concluirán ao grande co regreso da Feira Franca (2 e 3 de setembro).