Unhas 260 persoas percorreron este domingo a Senda Espiritual e da Costa

Poio
16 de febreiro 2020

A actividade serviu para poñer en valor parte da Variante Espiritual do Camiño Portugués, así como da fachada litoral de San Xoán e San Salvador de Poio

260 persoas percorreron a Senda Espiritual e da Costa
260 persoas percorreron a Senda Espiritual e da Costa / Concello de Poio

Despois do gran éxito acadado na primeira edición, o Natur Galiza Club, coa colaboración da Concellería de Deportes de Poio, volve impulsar a Senda Espiritual e da Costa cunha andaina que tivo lugar este domingo, a pesar do mal tempo.

Unhas 260 personas tomaron saída ás 10.00 horas dende Casa Pepe, un dos seus principais colaboradores.

Nesta ocasión houbo un cambio significativo no trazado para facelo menos esixente e máis accesible, pero igual de atractivo. Así percorreron 10 quilómetros cun nivel de dificultade medio-baixa e que incluíu o paso por diferentes puntos da Variante Espiritual do Camiño Portugués e da fachada costeira das parroquias de San Xoán e San Salvador.

Tras partir de Casa Pepe, os participantes visitaron emprazamentos como o Mosteiro ou a Casa-Museo de Colón, ademais de tomar a senda da Ostreira e cruzar Lourido, entre outros lugares.