Unhas 18.000 persoas quedaron sen vacinar na área sanitaria de Pontevedra, segundo informou este luns o xerente deste distrito sanitario, José Ramón Gómez no acto de desmontaxe do punto de vacinación na sala de exposicións habilitado no edificio administrativo da Xunta en Campolongo.
A área sanitaria ten 271.335 persoas de máis de 5 anos coa pauta completa e máis de 277.000 con alomenos unha dose. O xerente fixo un chamamento aos cidadáns que están sen protección para que se vacinen.
Ademáis do de Pontevedra tamén pechou o "vacinódromo" do recinto feiral de Fexdega en Vilagarcía.
José Ramón Gómez sinalou que o balance é de 728.743 doses inoculadas fronte á covid-19 e un 93,73% da poboación protexida fronte a este virus.
As vacinas administradas en Pontevedra e O Salnés distribuíronse en 271.335 cidadáns que contan coa pauta completa, 211.000 que xa engadiron unha dose de reforzo e 277.376 que contan con alomenos unha vacina.
O proceso de vacinación fronte á covid-19 segue aberto e realizarase, dende agora, no Hospital de Montecelo con ou sen cita previa telefónica, aínda que a Xunta está alerta por se fose necesario abrilos de novo para adminstrar a terceira dose dos nenos de 12 a 18 anos ou para algunha quenda de reforzo para determinados colectivos.
Foron 447 días de vacinación fronte á covid-19 dende que se comezaron a administrar o 29 de decembro de 2020 e do funcionamento dos puntos de vacinación masiva, nos 349 días que estiveron abertos, dende o 6 de abril do pasado ano.
O delegado territorial da Xunta, Luis López tamén asistiu a esta desmontaxe do "vacinódromo" e agradeceu, "en primeiro lugar, aos cidadáns pola súa responsabilidade e masiva resposta para protexerse e protexernos a todos, o que permite que agora xa vexamos a luz ao final do túnel", aínda que lembrou que "non podemos confiarnos porque a incidencia segue alta".
O delegado territorial tamén extendeu os parabéns ao persoal de enfermería, de transporte, de seguridade e de Protección Civil "polo seu incrible esforzo, por dar todo o que tiñan con absoluta profesionalidade e eficiencia e por converterse nun orgullo para todos ".
Ademáis, o representante autonómico puxo en valor o traballo de organización realizado pola xerencia e tamén agradeceu aos concellos de Pontevedra e de Vilagarcía a súa colaboración na loxística e, sobre todo, na organización do tráfico e do aparcamento para que o proceso fose o máis cómodo posible para os cidadáns.