Unha xornada reivindica en Pontevedra o papel "imprescindible" das mulleres do mar

Pontevedra
11 de abril 2019

Esta xornada forma parte do proxecto "Mar en feminino", proxecto de igualdade que están desenvolvendo a Deputación de Pontevedra e a Universidade de Vigo para poñer en valor o papel das mulleres no mar

Xornada sobre o Uso e Mal Uso do Mar no campus de Pontevedra
Xornada sobre o Uso e Mal Uso do Mar no campus de Pontevedra / Mónica Patxot

Analizar e recoñecer o "imprescindible" papel das mulleres na xestión sustentable do mar dende todos os ámbitos. Ese foi o obxectivo da V Xornada sobre o Uso e Mal Uso do Mar, celebrada este xoves no campus de Pontevedra. 

Na súa inauguración participaron, entre outros, a presidenta da Deputación, Carmela Silva; o vicerreitor do campus de Pontevedra, Jorge Soto; a coordinadora da xornada María Álvarez Lires; e a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez.

Silva, na súa intervención, reivindicou o traballo das mulleres no sector do mar, tanto as que exercen profesións e oficios do mar como as investigadoras mariñas e oceanógrafas e animou a todas as mozas a que opten por estudar carreiras STEM, as siglas de ciencia, tecnoloxía, enxeñería e matemáticas.

"É importante que as rapazas se decanten por carreiras técnicas, e para facelo, é crucial que teñan referentes de mulleres en todos os eidos", destacou a presidenta, que quixo recordar as figuras "tan importantes e tanto tempo silenciadas" como a bióloga mariña Silvia Earle, a catalá Josefina Castellví ou as galegas Ángeles Alvariño e Aida Fernández Ríos.

No transcurso do día presentouse tamén o proxecto "Oceánicas: o papel das mulleres na oceanografía" do Instituto Español de Oceanografía, da man da súa coordinadora, Ana Morillas, directora do Centro Oceanográfico de Baleares.

Ten como obxecto divulgar o traballo de científicas dedicadas ao estudo dos océanos. Con este propósito, esta iniciativa pretende tanto pór en valor o legado de "oceánicas pioneiras", como servir de plataforma para difundir o traballo das investigadoras que traballan actualmente neste eido, á vez que busca tamén xerar vocacións científicas nas novas xeracións.

Esta xornada forma parte do proxecto "Mar en feminino", proxecto de igualdade que están desenvolvendo a Deputación de Pontevedra e a Universidade de Vigo para poñer en valor o papel das mulleres no mar.

Intégranse neste proxecto tamén a mostra Achegas das mulleres á sustentabilidade do mar, así como os materiais educativos e recursos "O mar das mulleres: sustentable e produtivo", que se expoñen desde este xoves na Facultade de Ciencias da Educación.

O obxectivo deste conxunto de iniciativas, lembrou a directora das xornadas, a profesora María Álvarez Lires, é contribuír a que desapareza unha "tripla invisibilidade", a que afecta por unha banda aos océanos, ao traballo que desenvolven ás mulleres e, en engadido, aquel en concreto que está vinculado ao mar.