Unha xornada de convivencia para fomentar a diversidade e a inclusión entre os máis novos

Pontevedra
03 de marzo 2023

Usuarios da asociación Juan XXIII, que atende a persoas con discapacidade intelectual, recibiron este venres ao alumnado do colexio Sagrado Corazón. A este encontro, que se celebrou na sede que Juan XXII ten na rúa Eduardo Blanco Amor, acudiron 75 alumnos de 2º de Primaria deste colexio e corenta usuarios do colectivo

Xornada de convivencia entre Juan XXIII e o colexio Sagrado Corazón
Xornada de convivencia entre Juan XXIII e o colexio Sagrado Corazón

Usuarios da asociación Juan XXIII, que atende a persoas con discapacidade intelectual, recibiron este venres ao alumnado do colexio Sagrado Corazón. Todos eles participaron nunha xornada de convivencia organizada para fomentar a diversidade e a inclusión entre os máis novos.

A este encontro, que se celebrou na sede que Juan XXII ten na rúa Eduardo Blanco Amor, acudiron 75 alumnos de 2º de Primaria deste colexio e corenta usuarios do colectivo.

Aproveitando que os alumnos do Sagrado Corazón están actualmente estudando as plantas a través dun obradoiro escolar, o proxecto incluíu un taller de xardinería e tamén a celebración de xogos populares, converténdose así nunha xornada de convivencia lúdica.

Deste xeito, os usuarios de Juan XXIII tomaron o rol de profesores, ao tempo que adquiriron visibilidade ante os pequenos. 

"A finalidade é que os usuarios de Juan XXIII se sintan motivados e que os alumnos vexan as diferentes capacidades como algo que é parte da nosa realidade, que non é nada diferente, senón simplemente unhas habilidades distintas", sinalou Marta Rodríguez, profesora do Sagrado Corazón. 

A iniciativa, que xurdiu con vocación de continuidade no tempo, contou coa presenza e o apoio do concelleiro de Benestar Social, o socialista Marcos Rey, que acudiu ás instalacións da asociación para gozar dos xogos e talleres desenvolvidos.