Unha web visibilizará e promocionará a hostalería local durante a Gran Final das Series Mundiais de Tríatlon

Pontevedra
17 de agosto 2023

Os establecementos hostaleiros da cidade poderán enviar ata o 31 de agosto os datos necesarios para formar parte da plataforma co fin de configurar unha base de datos a disposición dos visitantes chegados durante a competición

Anabel Gulías, concelleira de Deportes e Promoción Económica
Anabel Gulías, concelleira de Deportes e Promoción Económica / Mónica Patxot

A concelleira de Deportes e Promoción Económica, Anabel Gulías, anunciou este xoves a creación dunha páxina web municipal que estará ligada á organización da Gran Final das Series Mundiais de Tríatlon co obxectivo de promocionar a hostalería local.

Esta plataforma pretende visibilizar as propostas gastronómicas da Boa Vila e poñelas ao dispor de todos os visitantes e competidores que se acheguen á cidade.

"Poñemos en marcha un formulario de inscrición para que todos os establecementos que estean interesados poidan inscribirse. É un formulario sinxelo que recolle información do local coma o nome, o logo, a situación na cidade, a carta, o tipo de cociña, os horarios e mesmo as linguas nas que poden atender aos comensais", explicou Gulías sobre unha das iniciativas expostas nas reunións que mantiveron con representantes do sector.

Unha vez o Concello conte con todos os datos (é posible participar ata o 31 de agosto) serán envorcados na páxina oficial da Gran Final das Series Mundiais, e ademais crearanse e distribuirán folletos en papel cun código QR que serán repartidos tanto no centro de recepción oficial dos atletas como en hoteis e albergues da cidade.

Trátase dun evento maiúsculo no que se prevé, lembrou a edil, "un retorno de máis de 15 millóns de euros, e o obxectivo da cidade é que a maior parte quede en Pontevedra", defendeu.