O Día Internacional da Muller vaise a conmemorar en Marín coa imaxe dunha viñeta do ilustrador Luis Davila que pon en valor o traballo das mulleres coidadoras en todos os ámbitos, colectivo ao que este ano se lle dedica o 8M no municipio.
Como xa é tradicional, o Concello repartirá cuncas con esta viñeta o xoves, día 5 de marzo, no mercado municipal, polas rúas adxacentes. No caso de choiva, farase dentro do mercado.
O obxectivo deste reparto é recordar á cidadanía a programación para o día 8 e visibilizar, a través do humor e da creatividade gráfica, a necesidade da corresponsabilidade dos coidados entre homes e mulleres.
Ese mesmo día 5, a biblioteca municipal acollerá ás 19.30 horas a proxección do filme Concepción Arenal, a visitadora de cárceres, co gallo do 200 aniversario do nacemento desta figura imprescindible do feminismo. Esta actividade ten entrada de balde.
Xa o mesmo día do 8M, serán varias as actividades incluídas dentro da programación, entre elas, a primeira hora da mañá sairá a andaina de 15 quilómetros solidaria en favor da Asociación Española Contra o Cancro, que rematará ás 12.00 horas na Alameda.
Unha hora máis tarde, a partir das 13.00 horas, será o acto institucional. Se o tempo o permite, celebrarase na Praza 8 de Marzo, senón moverase ao salón de plenos do Concello. Neste acto, lerase a declaración institucional e intervirán diferentes mulleres para aportar a súa testemuña como coidadoras.
Finalmente, a partir do mediodía tamén se poderá degustar o Bolo do Pote na Alameda, unha tradición gastronómica mantida no tempo polas mulleres de Marín.
Por outra banda, a entrada do Concello acollerá a exposición Mans coidadoras, unha mostra fotográfica ca que visibilizar a labor que realizan todas estas mulleres coidadoras, especialmente de persoas maiores.
Ademais, os centros educativos participarán deste 8 de marzo con todo o material didáctico enviado polo CIM. A mocidade recibirá tamén un caderno conmemorativo deste día, ilustrado coa viñeta de Davila.