Unha veciña de Cambados e un neno de oito anos resultan feridos nunha saída de vía

O Salnés
07 de maio 2024

O accidente producíase no municipio de Vilanova de Arousa cando, por causas que se investigan, a condutora perdeu o control do vehículo e impactaba contra un lateral do cemiterio de Tremoedo. A muller de 49 anos e o menor de idade foron evacuados ao Hospital do Salnés

O vehículo impactaba contra o enreixado do cemiterio de Tremoedo
O vehículo impactaba contra o enreixado do cemiterio de Tremoedo / Servizo de Emerxencias

Investíganse as causas que provocaron un accidente que se rexistraba na tarde deste martes 7 de maio no municipio de Vilanova de Arousa.

Unha muller, de 49 anos, veciña de Cambados, circulaba cun neno de oito anos pola estrada de Cuiña - Cambados cara a Tremoedo, cando á altura da igrexa de Santo Estevo de Tremoedo perdía o control do vehículo.

O turismo impactaba frontalmente contra o enreixado dun lateral do camposanto, chegando a introducir a parte dianteira do vehículo no recinto. 

Tanto a condutora como o menor de idade foron evacuados ao Hospital do Salnés con dor cervical e torácica.

O Servizo de Emerxencias do Concello de Cambados desprazábase ata a zona en axuda das persoas implicadas.

Tamén se trasladaban axentes da Garda Civil de Tráfico, membros de Protección Civil de Vilanova e unha ambulancia do servizo do 061.