Unha veciña de Caldas de 20 anos falece nun accidente de tráfico en Barro

Barro
30 de xullo 2018
Actualizado: 31 de xullo

O sinistro consistiu nunha colisión frontolateral entre un turismo e unha furgoneta. A moza falecida era a condutora e única ocupante do turismo. Na furgoneta implicada no sinistro circulaban dous ocupantes que resultaron feridos leves e requiriron asistencia sanitaria

Accidente de tráfico entre un turismo e unha furgoneta na estrada N-550 en Barro
Accidente de tráfico entre un turismo e unha furgoneta na estrada N-550 en Barro / Guardia Civil de Pontevedra

Unha moza de 20 anos faleceu este luns nun grave accidente de circulación rexistrado na estrada N-550 ao seu paso polo termo municipal de Barro.

O sinistro consistiu nunha colisión frontolateral entre un turismo BMW de cor branca e unha furgoneta. A moza falecida era veciña de Caldas de Reis e a condutora e única ocupante do turismo. 

Na furgoneta implicada no sinistro circulaban dous ocupantes que resultaron feridos leves e requiriron asistencia sanitaria sendo trasladados aos hospitais Quirón Miguel Domínguez e Montecelo. 

A agrupación de tráfico da Garda Civil investiga os feitos, rexistrados ás 21.40 horas no punto quilométrico 110 da N-550 nunha zona da Portela, en Barro, coñecida pola existencia dun avión de chapa instalado na beiravía nos anos 80 e na actualidade abandonado e esnaquizado. 

Nun primeiro momento solicitouse a intervención dos Bombeiros de Pontevedra, pero finalmente asumiron a intervención os compañeiros do parque do Salnés, ao non pertencer xa ao termo municipal da capital. Desde os bombeiros da capital si indicaron que colaboraron co resto de equipos. En concreto, foron desprazadas á zona varias dotacións dos parques do consorcio provincial de Bombeiros do Salnés e Vilagarcía.

A chamada dun particular ao 112 permitiu activar un operativo de atención ás vítimas no que participaron os Bombeiros do Salnés e Pontevedra, así como os axentes da Garda Civil de Tráfico e voluntarios de Protección Civil de Barro. Tamén foi informado o persoal de limpeza e mantemento do Ministerio de Fomento encargado da retirada dos danos provocados polo accidente.

Testemuñas presenciais indicaron a PontevedraViva que se dá a circunstancia de que pasadas as sete da tarde xa se produciu un accidente leve nese mesmo punto. Segundo informou o Centro de Atención de Emerxencias de Galicia 112, nese primeiro sinistro resultou ferida unha persoa.

O turismo que conducía esta persoa bateu contra un camión estacionado, o que lle provocou danos importantes no lateral do coche. Ante a posibilidade de que o único ocupante do vehículo tivese problemas para saír, desde o 112 Galicia pediuse a colaboración dos bombeiros, mais, finalmente, descartaron actuar debido a que os profesionais sanitarios puideron sacar á persoa por unha fiestra do outro lateral.