Unha unidade móbil realizará test de antíxenos na praza de España este sábado en horario de mañá e tarde

Pontevedra
23 de xullo 2021

Este punto de realización de test de antíxenos está destinado a persoas que non dispoñan da pauta completa de vacinación, contará con persoal de enfermería e funcionará en horario de mañá, de 12:00 a 14:00, e de 16:00 a 20:00 horas, en horario de tarde

Probas de antíxenos
Probas de antíxenos / Mónica Patxot

A Xunta de Galicia habilita este sábado 24 de xullo un dispositivo móbil na praza de España de Pontevedra no que se ofrecerá a realización de tests de antíxenos a aquelas persoas que non dispoñan da pauta completa de vacinación, así como a expedición do correspondente certificado co resultado desta proba.

Este dispositivo contará con persoal de enfermería e funcionará en horario de mañá, de 12:00 a 14:00, e de 16:00 a 20:00 horas, en horario de tarde.

A Xunta realiza esta experiencia piloto coa intención de aumentar a capacidade diagnóstica de Galicia e quere, deste xeito, axudar á cidadanía a familiarizarse con este sistema mentres a situación epidemiolóxica non mellore e o proceso de vacinación non acade a unha porcentaxe aínda maior da poboación.

Ademais, o goberno galego informa de que está a traballar cos Colexios Oficiais de Farmacéuticos de Galicia para deseñar un protocolo de validación dos autotests que están dispoñibles sen prescrición médica nas farmacias, co obxecto de regular a venda ao público e a publicidade dos produtos de autodiagnóstico da covid-19.

Este protocolo permitiría a validación por parte dos profesionais da farmacia da identidade da persoa diagnosticada e da correcta aplicación da proba, permitindo deste xeito certificar a autenticidade do seu resultado e que o mesmo resulte válido para permitir o acceso ás actividades que, segundo as novas medidas de restricións aprobadas, requiran dispoñer, entre outras opcións, dunha proba diagnóstica de infección activa negativa.

UNIDADES MÓBILES NAS SETE GRANDES CIDADES GALEGAS

Ademais do dispositivo móbil instalado na praza de España de Pontevedra, Vigo contará cun punto de realización de test de antíxenos na explanada do Náutico; na Coruña estará situado na explanada do Pavillón de Deportes de Riazor; en Lugo, na Praza Maior; en Ourense, no Xardín do Posío; en Santiago, na Praza Roxa; e, en Ferrol, na Praza da Constitución.